Guy Sherwin ten unha máquina do tempo

Guy Sherwin, unha das figuras máis significativas do cine performativo, fará unha visita ao (S8) con dobre aliciente: por unha banda, a proxección das pezas curtas “ao uso” da súa filmografía. Polo outra, o acontecemento no que se poderá asistir a unha das súas sesións de cine en directo. Algo que, sen dúbida, rompe esquemas con respecto ao que pode facer unha película.
Para Sherwin, ter unha cámara, e/ou un proxector, é como ter unha máquina do tempo. Poder volver ver, e darlle a man, ao “eu” de fai 30 anos, saltar a un lado e outro da liña con graza e lixeireza, volver proxectar no mesmo espello as mesmas árbores que antes estaban alí, e daban unha particular sombra, e agora poida que non estean, ou si.

Recoller a luz e as impresións do fogar fai 20 anos, e procesalas hoxe. Estar en constante diálogo coas luces e as sombras que xa foron, manipular e orquestrar os brillos e as siluetas, interpretándoas como quen pulsa as teclas dun piano lumínico. Un xogo no que un mozo dos 70 lanza unha pelota a un home maduro no 2011, que a recolle e vólvella a pasar.
Os filmes de Guy Sherwin son quen de facer todas estas cousas, diluíndo as barreiras temporais, e converténdoas nunha obra dunha plasticidad humillante. A calidade pictórica quizais se explique pola formación de Sherwin, quen a finais dos 60 estudou pintura na Chelsea School of Art. Algo que se completou, empezando a ensamblar o traballo de Sherwin como cineasta, coa aprendizaxe de revelado na London Film-Makers’ Co-op (hoxe LUX).

A procura de Sherwin como cineasta móvese, así, en varios campos que poden traballar por separado ou cooperar. É así como en pezas como Flight (1998) ou Filter Beds (1998), Sherwin dedícase, eminentemente, a facer un estudo das posibilidades pictóricas da luz e a natureza axudado pola simplicidade e o gran que contén o claroscuro da película en branco e negro. Mentras, en pezas como Views from Home, a través de metraxe gravada en 1987 e en 2005, á exploración do fenómeno lumínico únese o do paso do tempo, botando man, ademais, do stop motion e da montaxe de son. Unifica, ademais, dous períodos de tempo facendo un continuo dunha tardes separadas cronoloxicamente. Algo que conecta, sen dúbida, co seu traballo performativo, en especial coas obras que teremos a ocasión de ver: Paper Landscape e Man in Mirror.

Un corredor de fondo da vanguarda que, ademais incorpora regras case a modo de xogo como premisas nos seus filmes: é o caso do seuShort Film Series, das que van 27 (a meta é chegar a 40). Ou manipula o sonido con luz, e multiplica os proxectores como no caso da súa performance en colaboración con Lynn Loo, End Rolls (2009). Fascinantes traballos de todo un referente da arte en Inglaterra desde fai 40 anos que teremos, durante uns días, na Coruña para mostrar a súa obra.