Left Hand Rotation: célula independente e á contra
Ás veces, é moi saudable ir ao contraxeito. En especial, se a corrente contra a que se vai é das que paralizan, apabullan e esmagan, o vento dos nosos capitalistas tempos modernos. Left Hand Rotation -colectivo que estará presente no (S8) cunha instalación- vai a contramán, xira na dirección contraria á estipulada, como a tradución do seu nome indica. E fano despregando unhas accións que, cunha vertente moi lúdica, deixan ao descuberto o absurdo do mundo no que vivimos. Como eles mesmos o definen, Left Hand Rotation “é un xiro na dirección contraria que pode producirse en calquera momento, un parafuso que hai que apertar xusto ao contrario do esperado”. Un concepto en constante construción e cuestionamento.
Left Hand Rotation nace en 2004, e segue crecendo san e forte a día de hoxe. Dedícanse a desenvolver proxectos experimentais en múltiples formatos e soportes: vídeo, son, animación, instalacións, arte delictuosa, intervencións urbanas, ou o que sexa necesario en cada ocasión. O seu “núcleo duro” está formado por dous ou tres persoas, ás que se suman, segundo a acción desenvolvida, outros colaboradores.
Tamén poderiamos dicir que Left Hand Rotation é un célula independente de guerrilleiros da cultura, que se move por circuítos underground e funciona á marxe dos orzamentos (monetarios e filosóficos) dos centros da cultura oficiais. “Como colectivo estamos fóra do circuíto comercial da arte. Abordamos cada proxecto desde a autosuficiencia radical. En ocasións traballamos con algún tipo de bolsa, pero non é a tónica. Autofinanciamos os nosos proxectos. Left Hand Rotation só ten sentido no tempo libre e no lecer, e nese sentido o noso tempo é completamente improductivo. Onde non hai produción económica, non hai precariedade”. Así fala este colectivo cambiante, sen servidumes que obstaculicen as súas intencións revulsivas.
É por iso que moito do que fai Left Hand Rotation sucede na rúa, fóra dos espazos delimitados nos que se bota para comer aparte ás creacións artísticas. Nadan como peixes na auga nas accións que impliquen a remodelación desconcertante do mobiliario e a paisaxe urbanos, fan da apropiación a súa bandeira e son capaces, entre outras cousas, de plantar un Mac Donalds no medio dunha aldea asturiana como un xeito de facernos saltar á cara, a forza de ironía, ata que punto a publicidade e o comercio conquistaron as nosas vidas e as nosas cidades. Ou de utilizar símbolos como unha lousa-menú de restaurante para resaltar como a gentrificación aprópiase dos nosos barrios para logo vendérnolo ao triplo do seu prezo. Ou de converter a Jean Claude Van Damme en grácil bailarina, grazas á remestura de material atopado. Ou de pór á disposición dos cidadáns martelos rompecristales de urxencia anti-caixeiro automático.
Left Hand Rotation non se arroupan en ínfulas de alta cultura: din traballar con “aqueles medios e formatos na fronteira entre a arte e todos os demais canles, adoptando a forma do que viñemos a chamar como “arte cuestionable” (que non cuestionador)”. E de aí o imprescindible da súa proposta dentro do panorama actual: válense da contradición e o paradoxo, porque non pretenden pensar por ninguén, senón máis ben todo o contrario. Servir de “espertadores” á nosa facultade de cidadáns pensantes, capacidade que ás veces se pode ver aparvada no medio neste agresivo maremagnum de mercadotecnia que nos alaga.
Para máis información sobre Left Hand Rotation e secuaces:
www.lefthandrotation.com