O ceo na Terra: Phil Solomon, fósils doutra dimensión
Mañá martes 31 de maio arrincan as proxeccións do ciclo “O ceo na Terra”, comisariado por Garbiñe Ortega, que este ano protagoniza a sección “A Segunda vida das Imaxes” do (S8). Ás 18:00 h. no CGAI, proxectarase a Sesión 1 (titulada “Revelacións nocturnas”) do programa dedicado á excepcional obra de Phil Solomon. Desde os dominios da memoria, das épocas e das persoas que xa non existen, Phil Solomon parece envíar mensaxes que atravesan, por sorpresa, a neve dos tempos. É por iso quizais que as películas de Phil Solomon forman parte deste ciclo que explora as manifestacións do ceo na terra a través do cine, os rastros do espiritual e sobrenatural na luz que sae dos proxectores. Unhas mensaxes sobrecolledoras, as súas, dunha gran beleza formal e poder evocador, as deste cineasta que desde as montañas de Boulder, Colorado, continuou a carreira de fondo do lendario Stan Brakhage, de quen fose discípulo avantaxado para terminar atopando a súa senda única e persoal.