Cinema mudo para nenos e nenas: Lotte Reiniger
Este domingo ás 12:00 h no Antigo Cárcere o (S8) dá espazo a unha sesión moi especial. Trátase dun obradoiro, impartido por Maria José Rueda, no que todos os nenos que se acheguen pola Mostra poderán descubrir a través de diversas actividades lúdicas e didácticas, o mundo da pioneira da animación Lotte Reiniger. Ao taller seguiralle unha sesión familiar coas películas de Reiniger que de seguro conseguirá enfeitizar tanto a nenos como a maiores. As súas animacións, feitas de xeito artesanal con siluetas recortadas que Reiniger fabricaba con mestría, lévannos por exóticas historias cheas de aventuras e de misterio, protagonizadas por criaturas fabulosas, príncipes, alfombras máxicas e paisaxes imposibles.
Reiniger empezou a facer películas en 1919, e non deixou de facelas en toda a súa vida, en todo un período que abarca 60 anos. Cando o cine era aínda unha arte relativamente nova, Reiniger foi unha das primeiras artistas que levaron a animación un paso máis aló, cun traballo de abafadora beleza e lirismo, ademais dunha personalidade desbordante. Xa adolescente, Lotte era unha apaixonada das marionetas e do cine de Meliés. Conseguiu convencer aos seus pais para que lle permitisen entrar no grupo de teatro de Max Reinhardt, ao que pertencía Paul Wegener, creador do Golem. Cando confeccionaba siluetas en papel dos outros actores do grupo nos seus respectivos papeis chamou a atenación de Wegener, con quen traballaría realizando os subtítulos da película O flautista de Hamelín. Grazas ao éxito do seu traballo e á recomendación de Wegener, conseguiu ser admitida no Institut für Kulturforschung (Instituto de Innovacións Culturais), un estudo berlinés dedicado ás películas de animación experimentais. Alí realizou a súa primeira película de siluetas, O ornamento do corazón namorado (1919), a primeira dunha longa lista na que sobresae As Aventuras do Príncipe Achmed, longametraxe que lle levou tres anos enteiros de traballo estreado en 1926. Ademais de levar a cabo o traballo paciente da animación, mantivo lazos estreitos cos círculos culturais do Berlín da época: creou o decorado dalgunhas representacións no teatro Volksbühne, coñeceu a Bertold Brecht e rodou varios curtos publicitarios, ademais da infinidade de películas infantís que creou, e as adaptacións de diversas óperas. Do seu filme Papageno (1935), Jean Renoir dixo que era o mellor equivalente óptico á música de Mozart.
Parte da forza da obra de Reiniger consiste en que, dalgún xeito, a evidencia do traballo feito a man resalta aínda máis a calidade máxica que leva en si unha arte como o da animación. Parece unha cuestión de alquimia, practicamente, o feito de que unhas cartolinas recortadas, obxectos inanimados, poidan cobrar vida coa riqueza expresiva das películas de Reiniger. Preocupada máis pola creatividade que pola técnica, o seu cine segue o ronsel da arte milenaria das sombras chinescas. Nas antípodas da estética relamida de Disney, as súas films mostran o nervio da animación en historias que exercitan a imaxinación, e fana galopar por misteriosas paraxes coma se fose a lombos do cabalo máxico de príncipe Achmed.