Mulleres, pero non baixo a influencia

Algo pasa en Galicia ou, polo menos, algo pasa na nova xeración de artistas galegas. Sen ánimo de etiquetar novas tendencias ou escolas, isto é algo que deixa patente a sección “Outros formatos do cine en Galicia. Hoxe” elixindo a catro creadoras ben distintas entre si, entes autónomos, en continua ebulición formal e ideolóxica: María Ruído, Peque Varela, Lara Bacelo e Xisela Franco.

O traballo de María Ruído discorre por uns camiños vitais para os tempos que corren: as distintasnarrativas da historia, e as reviravoltas do descomunal sistema que rexe a día de hoxe as nosas vidas, co obxectivo de romper o discurso oficial, mirando de fronte cara ao que se esconde detrás da fachada que o capitalismo vende aos consumidores. Zona franca explora os lugares, polo xeral portuarios, nos que a mercancía espera a ser distribuída, a salvo dos impostos e a burocracia. O tráfico de colectores, e os intrincados mecanismos do comercio global, rexidos por entidades grises e sen cara que se parapetan detrás de teleoperadores/cabeza de turco. Lo que no puede ser visto debe ser mostrado, pola súa banda, é unha inusual mirada sobre o cine como espazo común e colectivo, e a súa forma de configurar a historia. Indagando e reinterpretando material audiovisual do franquismo, Ruído abre unha brecha na versión oficial da historia para deixar saír o que se escribíaentre liñas.

Noutro lugar ben distinto sitúase Peque Varela, animadora que experimenta con diversas técnicaspara crear nun cine universalmente persoal, que busca, ante todo, derrubar prexuízos. Aínda que Varela traballa tamén como profesional de encarga (traballou, por exemplo, para Tim Burton), é nos seus proxectos persoais onde a técnica lle serve para chegar máis lonxe. Na súa curta 1977, que foi seleccionada no Festival de Sundance, Varela dalgún xeito axusta contas co seu pasado, co seu barrio e o seu proceso interno de descubrimento da propia sexualidade para entregar unha aguda mirada que rompe estereotipos do que unha muller suponse debe ser. Gato encerrado, á súa vez, traza toda unha historia sobre a desigualdade, o colonialismo e a emigración a través dunha imaxinativa e precisa historia que parte da inxustiza na repartición de “vidas” entre un gato inglése un español: un ten 7 vidas, e o outro 9.

O terreo polo que se move con comodidade Lara Bacelo é o do poema filmado, a composición libre e poética partindo de imaxes en movemento, e tamén o da reinterpretación da iconografía e as súas implicacións. A súa peza Varona, por exemplo, extraendo textos da biblia explora a dobre moral (cristiá) en torno ao corpo da muller, e a súa demonización como obxecto de desexo. Ademais de captar, nunha atmosfera hipnótica, o peso e o sabor dunha tarde de domingo en Carta dun domingo pola tarde, ou a infinita repetición de rutinas que é a vida de OnroteronreteO, Bacelo tamén utiliza e remestura material alleo, como no caso da película de Abel Ferrara da que se apropia en The Another Addiction, para imprimirlle o seu particular poética e dotala do seu tempo persoal.

A actividade incesante de Xisela Franco levoulle, logo de crear coa súa produtora o premiado documental Aadat (DocumentaMadrid) ata o frío Canadá (onde foi o seu mentor o cineasta Phil Hoffman) en pos das pegadas do cine experimental -e da experiencia- empuñando unha Bolex de 16mm como a do mesmo Jonas Mekas. É así como na súa última etapa como creadora, a que poderemos ver neste ciclo, Franco toma a testemuña do cine autobiográfico e o documental observacional, case impresionista. Na súa vertente autobiográfica, de gran plasticidad, é na que se enmarcan as súas pezas en película Dos mujeres en High-Con e Cris en Super 8. A súa creativa faceta documental pódese ver en Sculpture, onde partindo do proceso creativo doutro artista, acha á súa vez unha nova vía para a expresión a propia identidade.

Sesión María Ruido e Peque Varela
Domingo 5 de xuño ás 19:00 h. Sala (S). Antigo Cárcere
Sesión Lara Bacelo e Xisela Franco
Domingo 5 á mesma hora. Antigo Cárcere