Proxectos seleccionados INPUT 2018
Tres proxectos son os seleccionados para gozar nesta novena edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico da asesoría de tres profesionais de primeiro nivel: Reserva, de Gerard Ortín, Lejoscerca, de María Abenia e Reunión, de Ilán Serruya. Unha convocatoria que recibiu unha grande resposta, con vintesete participantes que achegaron unha notable variedade de propostas. A continuación, un repaso polos proxectos Input 2018:
RESERVA, de Gerard Ortín
A destrución ou a fraxilidade da orde natural debidas á actividade humana son algúns dos temas aos que se aproxima Ortín a través de filmes, instalacións sonoras e walk-performances. A súa obra tense visto en centros de arte como a Fundación Joan Miró (Barcelona), Tabakalera (Donostia), Stedelijk Museum Bureau of Amsterdam ou Office for Contemporary Art (Oslo), así como en festivais como o de Gijón ou o D’A Film Festival.
En Reserva explora a drástica redución da poboación de lobos que se ten producido en Álava nas últimas décadas e as implicacións da súa ausencia. O proxecto parte dun material audiovisual que formou parte dunha instalación multicanal exposta na Fundación Miró de Barcelona.
LEJOSCERCA, de María Abenia
María Abenia é realizadora, docente e programadora. Actualmente encóntrase dando clases de Cinema e Linguaxe Audiovisual para fotógrafos na escola Grisart de Barcelona, realizando un fotolibro do seu proxecto fotográfico Ulises e no proceso de escritura da súa primeira longametraxe, LejosCerca.
LejosCerca é un proxecto no que Abenia propón ao espectador realizar unha viaxe trascendental, unha absurda, férrea e comprometida peregrinaxe guiada só pola intuición da súa protagonista e pola promesa dunha suposta «Montaña Sagrada».
REUNIÓN, de Ilán Serruya
Ilán Serruya especializouse en montaxe cinematográfica (Instituto de cine de Madrid) e en Belas Artes (Universidad Complutense de Madrid). Actualmente cursa o “Máster LAV: Laboratorio audiovisual de creación y práctica contemporánea”. Interesado na autobiografía, na súa obra recorre ao material de arquivo doméstico.
Reunión é o encontro entre un pai e un fillo. Un momento marcado pola paisaxe, a distancia e o silencio. Este encontro caracterízase pola ausencia de palabras, polos xestos cotiáns, polas diferentes posturas corporais, pola expresión das súas facianas e polas escasas frases que articulan un intento por retomar o que parece un diálogo imposible.
INPUT é un espazo de titorización de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xorde da colaboración entre a Fundación Luís Seoane e o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, mediante o que 3 autoras terán acceso a 3 profesionais de prestixio internacional do ámbito do cine e a arte, con quen poderán discutir arredor dos seus proxectos, desde o estado de escritura e desenvolvemento ata o de distribución.
As titorías terán lugar na Fundación Luís Seoane de A Coruña o 31 de maio e o 1 de xuño no contexto do (S8) 9ª Mostra Internacional de Cinema Periférico.
Titores:
Cíntia Gil. Directora de Doclisboa (Portugal)
James Lattimer. Programador de la Berlinale Forum (Alemania)
Isabel Orellana. Programadora en el Festival Internacional de Cine de Valdivia (Chile)