Lux Álgebra. Edición especial tempo e estrutura

Side/Walk/Shuttle, Ernie Gehr

 

A álxebra é a rama da matemática que estuda a combinación de elementos de estruturas abstractas dacordo a certas regras. Nesta edición apropiámonos dunha palabra que evoca a ciencia para xogra dentro da programación coas diferentes expresións que a álxebra da luz -é dicir, a álxebra do cine-  pode ter. Pois o cine é unha arte temporal, na que a montaxe e a estrutura (e as súas regras combinatorias) son piares básicos.

 

O cine estrutural, pois, é unha das guías da programación. Primeiro, tal e como é canónicamente entendido nesa grande onda xerada nos anos 70, a través da obra de Ernie Gehr e Kurt Kren: ese cine despoxado de narrativa e cuxa razón de ser primeira é a forma, a miúdo predeterminada, como a grandes rasgos o categorizou P. Adams Sitney, ou o cine “estrutural materialista” como o describe Peter Gidal, onde a mesma esencia do soporte fílmico e as súas calidades ditan o contido do filme. En segundo lugar, queremos tamén expandir ese concepto cara a novos autores e cara a outras formas de traballar coa idea de patrón e estrutura, material contido. Unha base que, dentro do seu rigor, deu algunhas das películas máis belas e fascinantes da historia do cine.

 

Pero vaiamos por partes. Ao outro lado do Atlántico, unha das figuras primordiais dese cine estrutural “canónico” é Ernie Gehr. Un cineasta cuxa influencia é difícil trazar na súa xusta medida aínda a día de hoxe, e que precisamente abordou o tema da percepción e a narración (ou máis ben a súa total aniquilación). Gehr é un pioneiro minimalista, que persegue a imaxe cinematográfica como luz e materia pura, como entidade propia e non como representación ou relato. Como el mEsmo di, cultiva “a idea de usar o cine para reeducar a percepción, a miúdo facendo que nos paremos para poder verdadeiramente ver e escoitar”. Nesta edición contaremos coa súa presenza, que se desgranará nunha sesión dos seus filmes máis emblemáticos en celuloide, desde os 70 aos 90, outra do seu traballo en vídeo, que leva a cabo desde os primeiros dousmiles, unha masterclass na que falará do seu proceso como cineasta dende os comezos, e unha instalación que se poderá ver na Fundación Luis Seoane desde o 14 de maio.

Asylum, Kurt Kren

A este lado do océano, un dos nomes esenciais do cine estrutural é o austríaco Kurt Kren. En Austria e no mundo, Peter Kubelka cultivou maior notoriedade (sobre todo grazas á súa inclusión no libro Visionary Film), mentres Kurt Kren, falecido en 1998, viviu e filmou ao punk, aínda sendo un cineasta e un visionario da mesma talla (ou maior para algúns) que Kubelka. Xa a finais dos 50 empezou a experimentar coa montaxe e o son, e unha grande parte da súa obra é un minucioso traballo en moitos casos fotograma a fotograma, a miúdo planificado segundo premisas que Kren anotaba en detallados diagramas. Unha selección dos seus traballos máis puramente estruturais (outra vertente importante do seu traballo son as películas que fixo cos Accionistas Vieneses) poderá verse no (S8), presentada polo cineasta e investigador británico Nicky Hamlyn, que recentemente editou xunto a Simon Payne e A.L. Rees o libro Kurt Kren: Structural Films.

Degrees of Limitation, Scott Stark

O estadounidense radicado en Austin Scott Stark representaría a seguinte xeración de cineastas preocupados polos patróns e a construción do filme. Stark empezou a traballar nos 80, en películas planeadas dacordo a unha sorte de “regra do xogo”: en cada película Stark plantexa unha situación, establece unhas premisas, lánzase á experimentación. Desde películas que teñen máis que ver co performativo (desde emular a Jane Fonda nun aparcamento a xogar cos patróns dunha televisión en baixa resolución, ou experimentar coas formas arquitectónicas e a súa composición) ata o máis puramente formal, aproveitando as propiedades do vídeo, o 16mm e o 35mm. De Stark, de cuxo traballo se fixeron monográficos en institucións como o MoMa, o Pacific Film Archive, a San Francisco Cinematheque e Filmforum (Los Angeles) poderemos ver dúas sesións, así como unha performance.

Tamalpais, Chris Kennedy

Chris Kennedy, orixinario de Maryland e residente en Toronto, onde tamén está á fronte da Liaison of Independent Filmmakers, comeza a traballar xa nos dousmiles. O seu traballo sería unha expresión no presente destas preocupacións estruturais, con raíces nun extenso coñecemento da historia do cinema experimental baseado no seu traballo como programador (desde o Images Festival durante uns anos, e desde o ciclo mensual Early Monthly Segments e o TIFF actualmente). Desde a súa preocupación polo encadre, e por como afecta á percepción do mundo a súa presentación no cine, Kennedy ten composto unha obra tan variada como rigorosa, froito dunha longa reflexión sobre a imaxe en movemento, calidade que non impide o paso á riqueza visual e á sensualidade das imaxes.

Patterns of Interference, Ian Helliwell

O son ten sido un fascinante campo de traballo se falamos de estrutura no cine. O cineasta, investigador e curador Albert Alcoz preparou neste senso unha sesión que, baixo o título “Patrones de interferencias: Sonido y estructura”, recolle traballos actuais e históricos. Desde o austriaco Johan Lurf ao español Alberto Cabrera Bernal, desde o mítico estadounidense Barry Spinello ao “científico tolo” británico Ian Helliwell ou a coruñesa Blanca Rego.

As Much Time as Space, Katja Mater

O programa péchase con “Métrica e rima”, na que tamén conectamos pasado e presente en pezas que examinan a idea de patrón e estrutura: desde o seu sentido máis gráfico, no encadre das pezas, ata nas súas aplicacións de montaxe. Desde as superposicións asombrosas do canadense Alexandre Larose, ao mundo descomposto en diagramas de Paul Glabicki, á animación frenética de Jodie Mack ou ás ideas “métricas” dos arxentinos Pablo Marín e Federico Lanchares, entre outros.

Diagrama de Kurt Kren para 2/60 48 Heads from the Szondi-Test

No apartado expositivo, a mostra “El cine en papel” pon en relación diferentes películas cos diagramas que os seus directores empregaron para preparalas: obras de arte en si mesmas, que axudan a apreciar e comprender mellor esta idea de estrutura que move a programación desta edición. A expresión gráfica do que despois vemos como imaxe en movemento nun continuo temporal, que desvela o “código fonte” das películas de cineastas como Lis Rhodes, Peter Kubelka, Paul Sharits, Rose Lowder, Kurt Kren, Bill Brand, Dora Mauer e R. Bruce Elder.