Territorios míticos. Entrevista a Pablo Mazzolo

Pablo Mazzolo (Foto: María Meseguer)

O FÍLMICO E O CINEMA EXPERIMENTAL
Cando empecei na Facultade en xeral traballábase en vídeo pero pensando en traballar en fílmico, o vídeo non era un formato nin sequera semiprofesional, era un formato que se utilizaba na televisión. Quizais cando empezou o Dogma nos 90 empezouse a utilizar doutra maneira. O 16mm xa era un formato grande para nós, un formato caro, así que case desde o principio filmaba en Super 8 e facía ficción, buscando unha narrativa non convencional aínda que non era experimental nin tampouco era o que se chama agora cinema independente, estaba un pouco no límite. Despois empecei a buscar outros camiños porque sentía que non me atopaba nese cinema, quería descubrir unha nova linguaxe e entón había moi pouco acceso ao cinema experimental. Internet estaba a empezar, as películas non se podían descargar facilmente pero si chegaban os textos. Lía por exemplo os textos de Jonas Mekas, eu que me cría un cinéfilo, e con todo aí aparecían 50 directores aos que non coñecía. Mentres seguía traballando en fílmico e en vídeo. Despois houbo unha proxección que xustamente a fixo Claudio Caldini no Mamba, onde puxo Wavelength, de Michael Snow, onde me fixo click a cabeza. Pensei: aquí hai outra cousa. Estiven varios anos traballando só ata que me fun atopando co mesmo Caldini, con Pablo Marín e outros cineastas que estaban tamén noutro tipo de procura. Aí é cando empecei a darlle unha forma ao que estaba a facer, de aí vén El Quilpo sueña cataratas.

 

EL QUILPO SUEÑA CATARATAS
Por unha banda era un diario de viaxe, non quería filmar “ben”, estaba un pouco farto do esteticismo da imaxe. Estaba a tratar de buscar unha imaxe que me chamase a atención dunha maneira, pero non quería respectar os patróns básicos da composición. Tamén tiña a idea de filmar o percorrido do río Quilpo desde a nacente ata o mar, ese foi o primeiro precepto co cal empecei a filmar, e finalmente deime conta de que estaba a filmar un territorio sacro dos Comechingones, e o mito empezou a darlle un pouco de estrutura á película. Nese sentido son un pouco clásico, no sentido do clasicismo na arte, o mito que estrutura.

Estiven tamén facendo unhas entrevistas a nativos da zona, ao que os españois chamaban comechingones dun modo un pouco insultante, significa “o que come terra”, porque vivían en covas, en realidade chámanse Henia-Kamiare. Nas entrevistas apareceu algo interesante sobre unha mitoloxía do río, un río que se soña a si mesmo que non se sei será certa. Aí terminouse de formar esta idea dun río que soñaba con cataratas. Ou sexa que ten algo de ficción, pero o que poidamos dicir desa xente é tamén algo ficcional.

Sempre traballo cun primeiro corte de cámara, que é o que teño. Esta película editeina por contacto, fíxenme unha mesa de contacto onde expoñía a película, e íaa fotografando por distintas partes, e logo editei e cortei. Moitas veces pásoas a vídeo, edítoas, e logo vou e corto a película. Ademais na edición de contacto o que facía era poñer cristais, distintos vidros antigos que teñen formas estrañas e poñíalle máscaras e tamén coa mesma impresora de contacto (que era algo moi caseiro por iso está tan sucia a película) imprimía con filtros, pintaba os filtros e imprimíao directamente sobre a película.

 

CENIZA VERDE
Está feita no mesmo espazo xeográfico que El Quilpo..., pero non filmei os mesmos lugares. Aí interesábame tamén un tema puntual, que é o suicidio colectivo duns 1800 indíxenas para resistiren aos españois en 1573, tirándose desde un outeiro que se chama agora Colchoquí, pero entón tiña un nome relacionado co Deus da tristura, era un lugar sacro dos Comechingones. Esa foi a masacre máis importante dos Henia-Kamiare, e a partir de aí é como que quedaron moi dispersos, coñécese moi pouco desa tribo. O espazo está filmado entón como un gran cemiterio comechingón.

A min interesábame isto de filmar o imposible, interésame moito isto de atoparme con algo que non sei como facelo, sinto que iso me esperta, motívame atopar distintas formas.

 

CENIZA VERDE – PERFORMANCE
Esta película filmeina pensando en que ía ter unha optical printer para traballar, fíxeno pero nunca a puiden terminar completamente coa optical printer porque o laboratorio onde traballaba desapareceu. Entón estas máscaras que pensara empeceinas a probar en vivo, e a traballar en vivo. Mentres a estaba filmando estaba a pensar tamén que isto podía funcionar como unha performance, así que en fin, terminaron quedando as dúas opcións, unha que é aberta feita en vivo e outra en forma de curtametraxe.