PMC – Principio Máquina de Coser, proxecto seleccionado para a residencia BAICC 2018
Prismáticas, formado por Pilar Monsell e Aitziber Olaskoaga, é o colectivo que impulsa PMC – Principio Máquina de Coser, proxecto finalista de BAICC 2018. A comisión de valoración integrada por un representante de tres entidades responsables da convocatoria, Liaison of Independent Filmmakers of Toronto – LIFT, (S8) Mostra Internacioanal de Cinema Periférico de A Coruña e AC/E – Acción Cultural Española, decidiu que esta proposta fose a seleccionada para ser desenvolvida durante seis semanas en Toronto nesta segunda edición de BAICC – Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica 2018.
PMC – Principio Máquina de Coser é unha proposta para a creación do primeiro prototipo SEE-W-ING MACHINE, unha máquina que, combinando un proxector de cinema [ 16 mm e /ou super 8 mm ] cunha máquina de coser, permitirá coser tecidos e proxectar filmes á vez.
A comisión destaca na súa valoración o seu aspecto performativo e a conexión histórica entre o labor de coser e o cinematógrafo dos Lumière, que se desenvolveu a partir do sistema mecánico dunha máquina de coser. “Un proxecto orientado ao proceso de construción dun dispositivo artístico que permita combinar o que antes se atopaba separado [ cinema e costura ] e que poida con iso dar luz sobre un espazo itinerante de enunciación, reivindicación, auto-representación e diálogo entre mulleres traballadoras de distintos sectores industriais, especialmente do audiovisual e do téxtil.”
PMC – Principio Máquina de Coser será estreada mundialmente na décima edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, que se celebrará durante a primeira semana de xuño do 2019.
Pilar Monsell, Córdoba (1979). Cineasta, montadora e artista dedicada ao cinema do real, ensaístico e experimental desde 2008, data na que estrea a súa primeira curtametraxe Distancias, obtendo o Premio do Público no 49 Festival dei Popoli. Co-fundadora de Laboratorio Reversible, colectivo dedicado á creación e experimentación en cinema analóxico creado en Barcelona en 2014. Fundadora da súa propia produtora, Proxémica, coa que produce a súa primeira longametraxe ÁFRICA 815, obtendo o Premio Exhibición Festival Marxes 2014, Mellor Documental Zinegoak Bilbao 2015, Mención Especial do Xurado en CEME DOC México, Premio Panorama Platja D’Aro del Festival L’Alternativa e Nomeado a Mellor Dirección Novel nos Premios Asecan Andalucía. Desde 2016, Monsell desenvolve un proxecto procesual a través da fotografía e cinema analóxicos que deu lugar á exposición Coidadoras de Patios: o íntimo-público, a instalación Córdoba 1652 en 2017 e o programa expositivo Casandra y las mujeres olvidadas, actualmente en produción. En 2017, tivo lugar a súa primeira exposición individual Pilar Monsell: ÁFRICA 815, paraíso perdido, comisariada por Valentín Roma na Virreina ? Centro da Imaxe de Barcelona. Tamén durante 2017, a súa curtametraxe Dos sueños después (producido en 16 mm) obtén o Premio Especial do Xurado do Festival de Cinema de Málaga, percorrendo até o día de hoxe outros tantos festivais internacionais. Actualmente, Monsell forma parte de Contravisiones, laboratorio de investigación ao redor da performatividade das imaxes nacido no outono de 2017 na Virreina – Centro da Imaxe de Barcelona.
Aitziber Olaskoaga, Bilbao (1980). Artista visual que traballa tanto con soportes analóxicos como dixitais para levar a cabo proxectos en torno ao cinema do real. Actualmente, atópase estudando o Máster de Cinema e Vídeo de California Institute of the Arts grazas a unha bolsa da universidade, onde traballa como a principal proyeccionista da institución. En 2011, participa na realización dunha película colectiva, Faux Guide, xunto aos artistas Rede Cabalo e un grupo de mozos da Medina de Fes, Marrocos. Aquí descobre que é posible levar a cabo proxectos audiovisuais baseados en estruturas non convencionais. A súa primeira mediometraxe, La sonrisa telefónica, obtivo unha mención especial no Festival de Cinema Documental Jihlava 2016 e exhibiuse en distintas mostras e festivais nacionais, sendo seleccionada pola distribuidora de vídeo Hamaca para o seu catálogo en 2017. En 2018, formou parte da exposición Bi dos two producida polo programa eremuak e exhibida no Azkuna Zentroa e, actualmente, atópase montando xunto a Pilar Monsell un vídeo-ensaio sobre o nacionalismo e a construción da identidade nacional en Euskal Herria grazas a unha bolsa do Goberno Vasco. Tomouse un ano para realizar varios proxectos en Europa, entre eles unha residencia artística en BilbaoArte, onde desenvolverá o proxecto fílmico colectivo Ao Nervión (producido en 16 mm), colaborando con distintas asociacións e plataformas cidadás da área metropolitana de Bilbao.