A cineasta Jeannette Muñoz e unha homenaxe a Jonas Mekas, primeiros contidos da décima edición do (S8)
Con motivo do seu décimo aniversario, a Mostra artellará un programa especial que, baixo o nome “Vellos e novos amigos”, achegará ata a cidade a obra de cineastas convidados en pasadas edicións xunto a pezas de creadores afíns á liña de programación do festival, entre os que se atopa a chilena Jeannette Muñoz, unha das creadoras experimentais e de vangarda máis destacadas do noso tempo.
A cineasta impartirá tamén o obradoiro “Todo depende do cristal co que se mire” destinado a nenas, nenos e xóvenes con diversidade funcional. A través desta actividade, coorganizada xunto a NORMAL – Espacio de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, o festival revalida a súa aposta pola utilización do cinema como ferramenta e motor da inclusión social. Nela, os asistentes participarán no proceso de creación de fragmentos cinematográficos colectivos partindo da aportación e a suma de ideas individuais, tendo así a posibilidade de descubrir novos xeitos de ollar o mundo. Ademais das sesións de traballo, o taller rematará cunha presentación pública na que os participantes lles amosarán aos asistentes as pezas realizadas durante a actividade e na que se establecerá un diálogo entre os creadores, o público e a propia Jeannette Muñoz.
‘Invisible acts’: Jonas Mekas, padriño dunha xeración
O (S8) quere lembrar na súa décima edición a figura do recentemente falecido Jonas Mekas a través de ‘Invisible acts’, un programa especial comisariado polos programadores Andrea Franco e Javier Trigales. A selección de filmes que o compoñen celebran a figura de Mekas como padriño dunha xeración de cineastas de vangarda que defendeu e apoiou dende as páxinas de Film Culture, The Village Voice e nas sesións de Filmmakers’ Cinematheque e o Anthology Film Archives. A homenaxe estará composta por unha selección de aqueles creadores e artistas que o lituano considerou imprescindibles por atopar poesía no seu cinema e porque reflictiron as preocupacións da muller e o home da época, algo esencial para Mekas á hora de que un filme cobrase sentido real. No programa poderán atoparse pezas de cineastas como Marie Menken, Hollis Frampton, Jack Smith ou Larry Jordan, entre outros.