Home » destacados » As cineastas Madi Piller e Naomi Uman súmanse á celebración do décimo aniversario do (S8)

As cineastas Madi Piller e Naomi Uman súmanse á celebración do décimo aniversario do (S8)

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico celebrará entre os próximos 31 de maio e 9 de xuño a súa décima edición despois de consolidarse ao longo destes anos como cita ineludible para a comunidade do cinema experimental, cinéfilos e simpatizantes da vangarda. Con motivo deste décimo aniversario, o festival continúa engadindo nomes á súa programación: á xa anunciada Jeannette Muñoz súmaselle nesta ocasión a artista visual Naomi Uman. Ambas formarán parte de “Vellos e novos amigos”, un programa que traerá á Mostra a cineastas convidados en pasadas edicións e o traballo de “novas amizades” relacionadas co universo (S8). A cineasta, animadora e programadora Madi Piller tamén se incorpora a esta edición do festival como docente do taller “FILM: Formas e revelacións” e como protagonista dun foco que reúne por primeira vez en España o máis destacado da súa filmografía.

Madi Piller visitará o festival por primeira vez. Esta cineasta peruana afincada en Canadá que traballa arredor da animación, a experimentación con soportes analóxicos e a memoria, sostendo que todo proceso cinematográfico se prolonga ata a proxección. Esta  amazona do underground contemporáneo protagonizará un foco en torno á súa obra que repasará por primeira vez en España o máis destacado da súa ampla filmografía, realizada en múltiples formatos cinematográficos como o super 8, o 16 mm e o 35 mm. Ademais, tamén acudirá ao (S8) en calidade de educadora: impartirá o taller “FILM: Formas e revelacións”, no que se utilizarán materiais  fílmicos usados, atopados ou caducados, químicos e orgánicos, se pintará, se cortará e se rasgará para traballar sobre técnicas de intervención da imaxe e o son durante a proxección. Deste xeito, a cineasta defenderá a súa idea de que o proceso de creación cinematográfica dura ata ata o mesmo momento da proxección, formando todo parte dunha experiencia completa.

Tendo formado parte do (S8) no 2012, Naomi Uman volverá de novo á Coruña para mostrarnos un work in progress do seu próximo traballo, León en León. Aínda que comezou estudando cociña e dedicándose a este oficio durante moitos anos, a artista decidiu cambiar de vida e facer cousas que lle parecesen fermosas e que durasen máis que unha comida: películas. Sempre interesada no que se pode facer coas mans dun mesmo, Uman utiliza o cinema como un vehículo para explorar o íntimo, o artesanal e, frecuentemente, ás mulleres e o seu papel na sociedade.

As dúas cineastas visitarán Madrid durante o próximo mes de xuño para levar a cabo diversas actividades por mor da colaboración establecida entre o (S8) e Cineteca. O (S8) expándese deste xeito cara a outros espazos e cidades para compartir, neste décimo aniversario, a maxia do cinema tanxible á beira de proxectos e institucións que creceron ao longo destes dez anos xunto ao festival.