Entrevista a Richard Einhorn, compositor de Voices of Light/ A paixón de Xoana de Arco

Richard Einhorn

Richard Einhorn (1952) é un dos grandes compositores de música clásica contemporánea. Estudou con mestres como Jack Beeson, Vladimir Ussachevsky ou Mario Davidovsky. Compuxo óperas, ballets, e ata bandas sonoras para películas de terror. Hoxe preséntase no Teatro Colón da Coruña a súa obra Voices of Light / La pasión de Juana de Arco, que sonoriza a película (1928) do cineasta danés Carl Theodor Dreyer, como inauguración do (S8) 9ª Mostra de Cinema Periférico, festival dedicado ao cinema de vangarda que se celebra ata o próximo 3 de xuño. Unha ópera/oratorio sobre o proceso xudicial da heroína francesa na que se mesturan visións, fantasías e reflexións de diversas fontes, sobre todo de textos místicos medievais femininos. Dirixe a impresionante partitura Fernando Briones e interprétaa o Coro e Orquestra Gaos.

 

Cales foron os motivos para te achegares á figura de Juana de Arco e á película de Dreyer para compoñer ‘Voices of Light / La pasión de Juana de Arco’?
Había bastante tempo que me interesaba compoñer algo en torno ao feito relixioso, mais non quería facer unha peza relixiosa, se non máis ben unha composición sobre a relixión. Nun principio tiña en mente un proxecto multimedia, pero non atopara o tema. Xamais pensei en traballar a partir dunha película, pero, por casualidade, vin por primeira vez La pasión de Juana de Arco, de C. T. Dreyer, mentres estaba a investigar nun proxecto distinto no arquivo fílmico do Museo de Arte Moderna de Nova York. Quedei absolutamente marabillado pola película e pola historia de Juana e deixei todo o que estaba a facer, literalmente, para comezar a compoñer o que acabaría sendo Voices of Light. A historia de Juana de Arco tiña todo o que estaba a buscar. Ela era moi crente, moi devota, mais a súa historia non é reducible a ningún tópico sobre o relixioso. Ela era santa e herexe, unha líder na guerra e unha mística. As distintas maneiras en que a xente imaxinou a Juana é o que me levou a achegarme á súa figura. Conmoveume de maneira moi profunda a súa coraxe, a súa piedade e a súa audacia.

 

En ’Voices of Light / La pasión de Juana de Arco’ querías imitar as composicións da música medieval?
Non quixen usar os métodos musicais da Idade Media, porque a miña intención era compoñer unha peza atemporal. Se escoitas na radio Voices of Light / La pasión de Juana de Arco, podes pensar que soa como a música da Idade Media, mais se estás máis atento pronto descobres que non ten nada que ver. Quería que os espectadores se preguntasen “Isto cando se compuxo?!”, e quería que a música fose tan inclasificable como o foi no seu momento Juana de Arco.

 

‘Voices of Light / La pasión de Juana de Arco’’ é unha composición na que destaca o conxunto de coros. Por que decidiches este tipo de achegamento musical para tratar a historia de Juana de Arco?
Como compositor, tentas ser o máis fiel á lóxica interna de cada unha das historias que adaptas e, no caso de Juana de Arco, calquera que coñeza algo a súa historia sabe que ela escoitaba voces no seu interior. Así que decidín case inmediatamente que compoñería unha peza para coro.

 

Esa é tamén a razón pola que decidiches utilizar textos de mulleres místicas para escribir as letras da túa ópera/oratorio? Podes falarnos algo máis delas?
Eses textos proceden de moi distintas fontes, tanto da época de Juana de Arco como de séculos anteriores. Entre eles, están as obras de Hildegard von Bingen, unha das grandes figuras literarias da Idade Media e, na miña opinión, ao mesmo nivel poético que Dante. Outras místicas son Na Prous Boneta, unha muller á que queimaron por herexe un século antes que a Juana de Arco; Santa Perpetua, unha santa católica que de maneira milagrosa logrou cambiar de xénero; Christine de Pizan, quen debeu coincidir nalgún momento con Juana de Arco; Angela of Foligno, Margaret Porete, e moitas máis. Tamén incluín cartas da propia Juana ditadas aos seus escribáns. As cartas serven como interludios das longas pasaxes musicais e están interpretadas por unhas voces que se acompañan de tres sós de corda e frautas. Os textos de todas estas místicas son marabillosos, mais utiliceinos tamén porque se refiren nalgúns momentos á figura de Juana: as súas batallas, as súas voces, e como morreu na fogueira.

 

Pódesnos falar algo máis do proceso de composición da peza? Viaxaches a Francia polos lugares da historia de Juana de Arco para inspirarte?
Investiguei moitísimo, miles de páxinas de biografías de mulleres místicas e de textos sacros. Entrevistei a sacerdotes, monxes, monxas, e académicos, ademais de asistir a todas as misas en latín como puiden. E xusto antes de poñerme coa partitura, viaxei a Francia, a Orleans, onde Juana gañou a súa batalla máis famosa, e a Rouen, onde foi encarcerada, axuizada e queimada na fogueira. En Domremy atopei a súa igrexa aínda en pé. E como quería traducir en música a experiencia de Juana, ía cunha gravadora portátil para rexistrar o son das campás da igrexa, que pasei despois por un sampler. Esas badaladas soan nos momentos cruciais de Voices of Light / La pasión de Juana de Arco.

 

Cales son as principais dificultades á hora de poñer en escena esta ópera/oratorio?
Tecnicamente, a música que acompaña a peza non é especialmente complicada, pero si que contén moita emoción en cada unha das notas, ritmos e arranxos. Así que a composición require de profesionais que sexan capaces de interpretar unha miríada de sentimentos nun son concreto. Voices of Light / La pasión de Juana de Arco non é unha peza super áxil de ritmo e notas aceleradas, se non unha composición que necesita de habilidades interpretativas. A música está sincornizada coa película só parcialmente, polo que o director de orquestra necesita ademais coñecer moi ben a película e a música.

 

‘Voices of Light’ percorreu medio mundo e agora chega á Coruña, Galicia, unha terra especialmente mística.
Que terra tan máxica e misteriosa é Galicia! Creo que hai moitas similitudes nalgunhas cancións e tradicións que aprendeu Juana cando era nena, cancións e bailes que, como en Galicia, están imbricadas e comparten á vez raíces pagás e cristiás. Sinto moi honrado e emocionado de poder estrear na Coruña Voices of Light / La pasión de Juana de Arco, e espero que sexa a primeira de moitas actuacións en Galicia e en España.

 

En que sentido ‘Voices of Light’ e a figura de Juana de Arco resoan no noso presente, no arranque do século XXI?
Sen dúbida, Juana de Arco é unha gran heroína feminista. Tamén é unha gran santa, unha guerreira feroz e unha devota. É un dos grandes personaxes que nos deu a historia! Pero a figura de Juana de Arco entendeuse de maneiras moi distintas, e moi dramáticas, dependendo da época. Cando compuxen Voices of Light / La pasión de Juana de Arco hai 20 anos, o mundo enfrontábase a un auxe fundamentalista, relixioso e político, e entón a miña obra interpretouse como unha crítica a esa crise. Hoxe, o aspecto feminista da obra parece bastante obvio: unha muller valente que trata de facer valer a súa voz por encima dunha ducia de homes. E, por suposto, os abusos que sufriu Juana percorreron séculos para resoar hoxe no movemento #MeToo. Mais talvez o ano que vén a xente só vexa nesta obra a historia dunha devoción relixiosa moi persoal e profunda. E iso é o que máis me gusta deste proxecto: era moi consciente do abano de interpretacións que ofrece, mais ao mesmo tempo quería contar a historia de Juana con todo o agarimo posible, e quería honrar o incrible talento artístico de Dreyer, que aínda hoxe é un dos retratos da santa máis finos, e unha das grandes películas da historia do cinema.