Cinema mudo para nenos e nenas: Lotte Reiniger

Este domingo ás 12:00 h no Antigo Cárcere o (S8) dá espazo a unha sesión moi especial. Trátase dun obradoiro, impartido por Maria José Rueda, no que todos os nenos que se acheguen pola Mostra poderán descubrir a través de diversas actividades lúdicas e didácticas, o mundo da pioneira da animación Lotte Reiniger. Ao taller seguiralle unha sesión familiar coas películas de Reiniger que de seguro conseguirá enfeitizar tanto a nenos como a maiores. As súas animacións, feitas de xeito artesanal con siluetas recortadas que Reiniger fabricaba con mestría, lévannos por exóticas historias cheas de aventuras e de misterio, protagonizadas por criaturas fabulosas, príncipes, alfombras máxicas e paisaxes imposibles. info

Os outros formatos do cinema en Galicia chegan ao cárcere

Hoxe xoves ao mediodía presentouse, en convocatoria aberta ao público e á prensa, a sección do (S8) “Outros formatos do cinema en Galicia”. Á presentación acudiron Xurxo Taxes e Anxela Caramés, comisarios da mostra “Acciones e delirios en 8mm. Galicia 1975-85”, protagonista do apartado de “Cine recuperado”, Ignacio Pardo, artista representado nesta mostra, e José Manuel Sande, do CGAI, quen se encargou de presentar o ciclo de artistas galegas que compón o apartado “Hoxe” da sección. info

Videoclip e Super 8 contemporáneo: o pracer de facer as cousas a man

O (S8) acollerá, dentro do seu programa, unha mostra elaborada por Playitme Audiovisuales dun dos campos máis fértiles no uso do Super 8 a día de hoxe: o videoclip. É un feito que a existencia de internet -mención especial a youtube- devolveu a dignidade perdida ao videoclip, ven máis videoclips que nunca e, sobre todo, ven sen necesidade de que unha gran compañía os programe na televisión. Bandas e artistas independentes teñen a opción de que o que fan sexa visto amplamente en todo o mundo, e sobre todo, que sexa algo máis que un vehículo publicitario. Un estímulo que fai que a creatividade de multiplique, e que esta forma de arte estea máis viva que nunca. O curioso de todo isto é que precisamente unha ferramenta froito dos últimos tempos, a rede, lle dun empuxón a un formato analóxico como é o Super 8. info

Phil Solomon: fósiles doutra dimensión

Desde os dominios da memoria, das épocas e das persoas que xa non existen, Phil Solomon parece envíar mensaxes que atravesan, por sorpresa, a neve dos tempos. É por iso quizais que as películas de Phil Solomon forman parte deste ciclo que explora as manifestacións do ceo na terra a través do cine, os rastros do espiritual e sobrenatural na luz que sae dos proxectores. Unhas mensaxes sobrecolledoras, as súas, dunha gran beleza formal e poder evocador, as deste cineasta que desde as montañas de Boulder, Colorado, continuou a carreira de fondo do lendario Stan Brakhage, de quen fose discípulo avantaxado para terminar atopando a súa senda única e persoal. info

Nathaniel Dorsky: o cine devoto

Nathaniel Dorsky é dono dun dos catro universos que coñeceremos a través do ciclo “O ceo na Terra” nesta edición do (S8). Unha figura de primeira liña dentro da vangarda norteamericana (con cuxa presenza contaremos) que leva anos traballando sobre a idea dun cine que non se move polo plano do racional senón polo do espiritual, as paraxes que visita a mente cando a deixamos libre das súas ocupacións cotiás. info