Os outros formatos do cinema en Galicia chegan ao cárcere

Hoxe xoves ao mediodía presentouse, en convocatoria aberta ao público e á prensa, a sección do (S8) “Outros formatos do cinema en Galicia”. Á presentación acudiron Xurxo Taxes e Anxela Caramés, comisarios da mostra “Acciones e delirios en 8mm. Galicia 1975-85”, protagonista do apartado de “Cine recuperado”, Ignacio Pardo, artista representado nesta mostra, e José Manuel Sande, do CGAI, quen se encargou de presentar o ciclo de artistas galegas que compón o apartado “Hoxe” da sección.

Xurxo Taxes falou de que a mostra “fálanos dun momento de liberación creativa de todas as artes”, documentos dunha época vital para a contracultura galega que foi recuperar “tras unha ardua procura”. Caramés, pola súa banda, recalcou que se trata de “un material inédito que non foi mostrado nunca antes, traballos en Super 8 perdidos nas casas dos propios autores que se puideron recuperar para arquivar no CGAI grazas a esta mostra”. Unha investigación, que como Caramés recordou, “forma parte de unha extensa investigación que Xurxo Taxes leva anos sacando adiante”. Unhas pezas, segundo Caramés, que son “traballo de artistas máis que de cineastas, feitas cunha intención lúdica e experimental”.

Ignacio Pardo, precisamente, é un dos autores das pezas da mostra “Acciones e delirios en 8mm. Galicia 1975-85”, que falou duns traballos “feitos con máis paixón que formación, aprendendo a linguaxe cinematográfica sobre a marcha, sen medios nin escolas”. Pardo recordou a precariedade do traballo con Super 8: “era unha máquina máxica, que non sabías o que sairía dela unha vez revelada a película (que había que aproveitar ao máximo), un material que se editaba pegándoo de forma manual cunha empalmadora”. Pardo, ademais, recoñeceu con humor “non entendo o amor da xente de hoxe polo Super 8: ¡era doloroso traballar con el! Cando saíu o vídeo pensei: ¡que alivio!”. Apuntou, con todo, que si pode entender en parte esa recuperación por “volver á orixe, ao traballo co barro nas mans, que provoca a paixón de facer cousas sen medios”.

Doutra banda, José Manuel Sande recapituló sobre as dúas pedras angulares do cine máis audaz en Galicia, segundo comentou, a brecha aberta polo traballo de Carlos Velo, truncado pola guerra civil, e a xeración protagonista da mostra de “Cine recuperado”, que se poden considerar predecesores da riqueza creativa da xeración actual, a que leva diante un traballo “de exploración estética, liberación de formatos e audacia política”. Sande non puido deixar de recordar algúns nomes fundamentais que quedan fóra da mostra, como “Susana Rei, a mesma Anxela Caramés, ou Margarita Ledo”, aínda que resaltou que “os catro nomes da mostra representan a hibridación dos formatos de creación e das disciplinas, levando a cabo un traballo de dimensión política e exploración da identidade”.