Calendario (S8) Mostra de Cinema Periférico 2018

Vaise achegando, xa case está aquí: xa temos dispoñible o calendario cos horarios de toda a programación e actividades paralelas desta nosa novena edición. Saquen as súas axendas e tomen nota, que o (S8) está á volta da esquina.

Lux Álgebra. Edición especial tempo e estrutura

Side/Walk/Shuttle, Ernie Gehr

 

A álxebra é a rama da matemática que estuda a combinación de elementos de estruturas abstractas dacordo a certas regras. Nesta edición apropiámonos dunha palabra que evoca a ciencia para xogra dentro da programación coas diferentes expresións que a álxebra da luz -é dicir, a álxebra do cine-  pode ter. Pois o cine é unha arte temporal, na que a montaxe e a estrutura (e as súas regras combinatorias) son piares básicos. info

Entrevista a Richard Einhorn, compositor de Voices of Light/ A paixón de Xoana de Arco

Richard Einhorn

Richard Einhorn (1952) é un dos grandes compositores de música clásica contemporánea. Estudou con mestres como Jack Beeson, Vladimir Ussachevsky ou Mario Davidovsky. Compuxo óperas, ballets, e ata bandas sonoras para películas de terror. Hoxe preséntase no Teatro Colón da Coruña a súa obra Voices of Light / La pasión de Juana de Arco, que sonoriza a película (1928) do cineasta danés Carl Theodor Dreyer, como inauguración do (S8) 9ª Mostra de Cinema Periférico, festival dedicado ao cinema de vangarda que se celebra ata o próximo 3 de xuño. Unha ópera/oratorio sobre o proceso xudicial da heroína francesa na que se mesturan visións, fantasías e reflexións de diversas fontes, sobre todo de textos místicos medievais femininos. Dirixe a impresionante partitura Fernando Briones e interprétaa o Coro e Orquestra Gaos. info

Sinais en curto

Galicia é unha, pero parece desdobrarse en moitas por conta das múltiples voces e ámbitos que o seu panorama cinematográfico ofrece. No repaso que ofrece Sinais en curto deste último ano, viaxamos desde os experimentos formais con metraxe atopada, ata o retrato, a ficción alucinada, e os rexistros da realidade desde puntos de vista insólitos, lindeiros co surreal.

Friedl vom Gröller: Close up

A vida e o tempo observados en close-up. Non só ou non necesariamente como referencia ao primeiro plano, senón á proximidade co suxeito observado e á natureza do retrato que de aí sae. As películas de Friedl vom Gröller deixan ver de que materia está composta a existencia humana. En que consiste o tempo da vida de alguén, que é un rostro (e un corpo) e como miralo, de que está feito un día calquera.