A 9ª edición do (S8) arrinca co misticismo lírico de ‘Voices of Light/ A paixón • de Xoana de Arco

A Paixón de Xoana de Arco

O Teatro Colón da Coruña acolleu onte á noite a inauguración do (S8) 9ª Mostra Internacional de Cinema Periférico, que se estenderá ata o próximo 3 de xuño de 2018.

A paixón de Xoana de Arco, de Carl Theodor Dreyer, é unha das obras mestras máis indiscutibles da historia do cinema e durante a inauguración do (S8) 9o Mostra Internacional de Cinema Periférico, que tivo lugar onte á noite no Teatro Colón da Coruña, cativou ao público grazas á ópera/oratorio de Richard Einhorn, Voices of Light/ A paixón de Xoana de Arco, e á precisa dirección de Fernando Briones orquestrando a poderosa interpretación do Coro e Orquestra Gaos.

Coro e Orquestra Gaos

De novo con Quico Cadaval como mestre de cerimonias, a gala de inauguración do (S8) 9a Mostra Internacional de Cinema Periférico contou coa presenza de Goretti Sanmartín, Vicepresidenta da Deputación Provincial da Coruña, José Manuel Sande, Concelleiro de Cultura do Concello da Coruña, Alberto Lema, Concelleiro de Turismo do Concello da Coruña, Lanzada Calatayud, xerente de Turismo do Concello da Coruña, Guillermo Escrigas, director do CGAI e en representación de AGADIC – Xunta de Galicia, e Silvia Longueira, directora da Fundación Luís Seoane, entre outros, nunha velada sobrecolledora e alquímica, a través da suma dos fermosos e emocionantes primeiros planos do filme de Carl Theodor Dreyer co misticismo lírico da partitura de Richard Einhorn.

Quico Cadaval

A gala Voices of Light/ A paixón de Xoana de Arco supón o arranque de dez días do mellor cinema de vangarda internacional. Philip Hoffman, Frield vom Gröller, Pablo Mazzolo, Scott Stark, Chris Kennedy e María Ruido visitarán o (S8) para presentar a súa obra artística. Cinema conferencias, filme performances, proxeccións dos autores invitados, talleres e encontros profesionais completan o nutrido programa da novena edición dunha Mostra que converterá A Coruña un ano máis no epicentro da creación artística.

Aberta convocatoria do obradoiro de Philip Hoffman: Film Farm on the Road

Imaxe: S8

Cada ano no verán, entre o verdor e os ríos de Mount Forest (Ontario, Canadá), ten lugar desde 1994 un retiro único para cineastas, creado e impulsado por Philip Hoffman. Na Film Farm, sorte de campamento de verán do cinema artesanal, durante unha semana de convivencia fílmase, revélase e compártese coñecemento, nun contexto aberto onde prima a autosuficiencia, de costas ás leis do mainstream e apoiando aos creadores nas marxes. Nesta edición do (S8) a Film Farm viaxa á Coruña da man de Hoffman, que impartirá un taller de catro días baixo a filosofía do que el chama o Process Cinema. Co 16mm como formato guía, e revelando con materiais ecolóxicos como flores silvestres e auga de mar, uns días únicos da man dunha das figuras esenciais do cinema artesanal e diarístico de Canadá.

 

Lugar: La Nautilus (Praza de Azcárraga 7, baixo. A Coruña)
Datas: do 5 ao 8 de xuño
Horarios: de 11 a 14 e de 15 a 20 horas.
Número de prazas: 8
Prezo: 150 (con todo o material incluído)
Requisitos: o obradoiro desenvolverase en inglés. Pídeselles aos participantes que traian, se dispoñen deles, os seus computadores portátiles con software de edición
Inscricións: ata o luns 4 de xuño en [email protected]

 

CALENDARIO

Martes 5 de xuño
11 a 14 horas
Introdución ao Process Cinema: colleitar, reflexionar, revisar
(O Process Cinema é segundo Hoffman “unha forma de facer que “explora a tradición creativa do cinema alternativo, improvisacional e interactiva. A través dunha metodoloxía guiada polo proceso, o guión como documento guía é substituído por unha integración fluída da escritura, a rodaxe e a montaxe, non necesariamente nesa orde. Esta maneira de traballar “a través” do proceso ten o seu parangón na música, o jazz, na arte sería o action painting, os aspectos performativos do caderno de bosquexos ou na “prosa espontánea da poesía beat”.)

Proxeccións e debate

15 a 20 horas
Introdución ao manexo da cámara Bolex de 16mm Iluminación e exposición
Técnicas de revelado artesanal (revelado convencional e ecolóxico)
Filmación de probas coa Bolex
Taller de revelado
Transfer das probas en 16mm a dixital

Mércores 6 de xuño
11 a 14 horas
Proxección das probas do día anterior
O celuoide como lenzo: tinguido e virado, pintura sobre metraxe atopada
Manipulación da imaxe
Proxeccións e debate sobre as películas

15 a 20 horas
Distribución do equipo
Proxectos de rodaxe
Revelado de película
Tinguido, virado e pintura de película
Transfer de película a dixital

Xoves 7 de xuño
11 a 14 horas
Proxección das películas en proceso dos participantes

15 a 20 horas
Rodaxe de proxectos
Revelado de película
Tinguido, virado e pintura de película
Transfer de película a dixital
Edición de proxectos

Venres 8 de xuño
11 a 14 horas
Reunión para planear a presentación
Proxección das obras en proceso

15 a 20 horas
Virado e tinguido, pintura e manipulación de película
Transfer de película a dixital
Edición final de proxectos

PROXECCIÓN FINAL


*O calendario non inclúe todas as actividades e contido do taller

Aberta a convocatoria do seminario A Crítica de cinema experimental

Imaxe: A Cuarta Parede

A crítica de cinema experimental

O cinema experimental é a expresión máis libre da sétima arte, por iso, á hora de elaborar textos críticos sobre este cinema ás veces enfrontamos o bloqueo á páxina en branco. Cómpre liberar a nosa mirada de ideas preconcibidas e entregarnos a uns filmes que provocan, suscitan ou formulan ideas e imaxes imposibles de concibir se non é desde a liberdade de formato máis absoluta.

O seminario contará con tres sesións impartidas a cargo de profesionais da crítica de cinema. Ademais, complementarase coas masterclass e outras actividades organizadas pola (S8) Mostra de Cinema Periférico.

Os alumnos terán a posibilidade de publicar os seus textos, escritos e audiovisuais, en A Cuarta Parede e contarán co apoio da mesma na edición dos seus textos.

CALENDARIO

26 de Maio
1ª sesión teórica. 10:30 – 12:00h (Sala de Prensa Afundación)
Impartida por Alberte Pagán
A historia do cinema non é algo estático, senón que é unha construción cultural. Desde a academia ignórase ao cinema experimental, polo que, nun principio, foron as e os cineastas experimentais os que tiveron que xestionar as súas propias críticas e as súas propias historias. Se nun principio, nas primeiras décadas do invento, era posible unha historia inclusiva do cinema, hoxe en día, cun territorio en continua expansión, constatamos a imposibilidade dunha (única) historia.

2ª sesión teórica. 12:30 – 14:00h (Sala de Prensa Afundación)
Impartida por Fernando Algarín
Algúns filmes parecen procesar a súa propia historia, o seu punto de partida fractual. Ao mesmo tempo, ao ver esas mesmas películas, temos a impresión de que é na mesa e montaxe onde todo se anima, como se a promesa do filme que está por nacer agromase da converxencia das liñas de forza de certos elementos. Diríase que algúns cineastas desta sesión, como Michael Snow, James Benning, Laura Mulvey e Peter Wollen, Bruce Elder ou Joyce Wieland, descubriron os seus filmes entre eses dous momentos xemelgos: ao observar a concordancia dos elementos dispares e os encontros entre as bobinas. Nos dous casos, trátase dunha especie de semellanza magnética. Chega con sentir, en cada rotación, en que consiste a orientación de cada elemento.

16:30h – 17:30h (Fundación Luís Seoane)
Visita guiada ás instalacións de María Ruído, Ernie Gehr
e a exposición ‘Cinema de papel’.

18:00h – 20:00h (CGAI)
Proxección do filme de María Ruido ‘L’oeil impératif’

31 de Maio
12:30h – 14:00h (CGAI)
Conferencia ilustrada de Fried Vom Gröller

1 de Xuño
10:00h – 11:30h (CGAI)
Conferencia ilustrada de Ernie Gehr

2 de Xuño
Sesión práctica. 10:00 – 11:30 (Sala de Prensa Afundación)
Impartida por Mónica Delgado
Como realizar textos críticos sobre cinema experimental? Nesta sesión, veremos diferentes exemplos de textos críticos, escritos e audiovisuais, sobre crítica experimental. Ademais, os alumnos terán a ocasión de comezar a elaboración dos seus textos que, posteriormente, serán publicados en A Cuarta Parede.

12:00 – 13:00 (Sala de Prensa Afundación)
Masterclass de María Ruído
16:30 – 18:00 (Sala S8 Palexco)
Conferencia ilustrada de Nicky Hamlyn sobre a obra de Kurt Krent

 

DOCENTES
Alberte Pagán, cineasta e escritor, as súas obras foron exhibidas en festivais por todo o mundo, en 2016 foi galardoado co Premio da Crítica de Galicia. Na súa páxina web albertepagan.eu realiza traballos de investigación e crítica cinematográfica que compatibiliza coa súa actividade fílmica.

Francisco Algarín Navarro, crítico de cinema é un dos responsables de Revista Lumière, publicación web e en papel que adoita prestar moita atención ao cinema máis periférico. Entre os traballos máis recentes de Fernando destaca a edición do libro ‘Jeanette Muñoz. El paisaje como un mar’.

Mónica Delgado, crítica de cinema e directora de Desistfilm, unha das webs máis importantes sobre cinema independente na actualidade. Mónica colabora, ademais, con Fandor, onde publica os seus videoensaios que xiran arredor de autores clásicos como George Cukor ou novos cineastas coma Juan Daniel Molero.

Prazos e matrícula
O número de alumnos estará limitado a 25, tendo prioridade aqueles que realicen antes o pagamento da matrícula na conta de A Cuarta Parede.

O prezo para participar no seminario será de 30€, para aqueles alumnos que queiran asistir a todas as sesión. Estes recibirán un kit de benvida do (S8) así como unha acreditación para a asistencia a todas as proxeccións.

Os alumnos que só estean interesados en asistir á xornada do 26 de maio, a tarifa será de 18€.

Para realizaren a matrícula, os alumnos deberán escribir un correo electrónico a  [email protected], sinalando no asunto do correo “Seminario S8” e incluíndo no correo o nome completo e o DNI.

O prazo de matrícula estará aberto ata o 23 de maio.

Voices of Light – A Paixón de Xoana De Arco, inaugura o (S8) 9ª Mostra de Cinema Periférico


 

A novena edición de (S8) Mostra de Cinema Periférico inaugúrase cun cinema concerto, protagonizado por unha das obras máis emblemáticas, emocionantes e rotundas da historia do cine: A Paixón de Xoana de Arco, do danés Carl Theodor Dreyer, en conxunción coa brillante Voices of Light, partitura do prestixioso compositor estadounidense Richard Einhorn interpretada polo Coro e a Orquesta Gaos. O rostro da Xoana de Arco trémula, axuizada e condenada de Dreyer encherá a pantalla do Teatro Colón no seu máximo esplendor, nunha versión restaurada que recupera a montaxe orixinal de Dreyer estreada en 1928, coa sobrecolledora música (onde as voces son protagonistas) de Einhorn, na que se entretecen visións, fantasías e reflexións de diversas fontes, sobre todo de textos místicos medievais femininos que debuxan o clima espiritual no que Xoana de Arco foi concibida.

A PELÍCULA
O rostro da Xoana de Arco trémula, axuizada e condenada (a única aparición no cinema da actriz Renée María Falconetti) de A paixón de Xoana de Arco é quizais unha das imaxes máis magnéticas e icónicas da historia do cinema. No ano 1928, Dreyer estreou unha obra depurada e rotunda, cuxa refinada linguaxe visual sitúaa na modernidade máis absoluta. Composta a base de primeiros planos e detalles, encadres insólitos, decorados case esquemáticos e unha claridade meridiana (a fotografía estivo a cargo de Rudolph Matei), a película confía no poder da montaxe e do xesto (sen maquillaxe, rompendo coa tendencia da época) para contar a historia da moza católica francesa que no século XV foi acusada de herexía, axuizada e executada. Dreyer baseouse nas transcricións do xuízo na súa película, que tamén conta coa interpretación de Antonin Artaud no papel do Deán de Ruán, un dos inquisidores da santa. Considerada hoxe unha obra mestra do cinema, foi tamén a primeira grande obra do danés Carl Theodor Dreyer, á que seguirían outras como Vampyr, Ordet ou Gertrud, nas que o conflito entre a carne e o espírito tamén está presente.

Imaxe: Carl Theodor Dreyer

A RESTAURACIÓN
A pesar da súa condición indiscutible de obra mestra do cinema, A paixón de Xoana de Arco foi mostrada nunha versión incompleta ata o ano 1981 por unha serie de rocambolescas vicisitudes. Tras a súa estrea en abril de 1928 en Copenhague, a estrea do filme atrasouse en Francia, onde o arcebispo de París esixiu numerosos cortes de censura. Pouco despois, o laboratorio onde estaba depositado o negativo orixinal da película ardeu, tras o cal Dreyer aproveitou os descartes da rodaxe para reconstruír plano a plano a montaxe orixinal. Este negativo tamén ardeu, desaparecendo a película ata 1951, cando esta segunda versión foi achada polo historiador Joseph- Marie Lo Duca. Lo Duca modificou a copia, engadindo subtítulos no canto de intertítulos, e substituíndo algúns destes por texto sobre vidreiras. Esta foi a versión máis difundida do filme (a que ve Anna Karina en Vivre sa vie). Non foi ata 1981, ao facer unha limpeza nun armario dunha institución mental en Dinamarca, cando apareceron unhas latas de película que resultaron ser a versión orixinal da montaxe de Dreyer estreada en abril de 1928. En 2015 Gaumont escaneó ese negativo, creando un DCP que facilitou a exhibición en condicións óptimas da película, ata entón raramente mostrada en todo o seu esplendor por conta das escasas copias de exhibición en 35mm existentes.

Imaxe: The Passion of Joan of Arc

A MÚSICA
A diferenza de moitas películas da época, A paixón de Xoana de Arco non se estreou cunha partitura de música predefinida, carencia que numerosos músicos emendaron ao longo do tempo. A brillante Voices of Light, do prestixioso compositor estadounidense Richard Einhorn, é a elixida nesta ocasión: unha partitura para coro e orquestra na que se mesturan visións, fantasías e reflexións de diversas fontes, sobre todo de textos místicos medievais femininos que debuxan o clima espiritual no que Xoana de Arco foi concibida. Música impresionante e elegante, rica en texturas e matices melódicos e emocionais, que se dá a man en igualdade de condicións coa obra de Dreyer. Nesta ocasión a partitura de Einhorn será interpretada polo Coro e Orquestra Gaos, proxecto cuxo nome homenaxea ao compositor coruñés emigrado a Arxentina Andrés Gaos, formación que desde 2009 acolle ao novo talento musical galego.

Imaxe: Orquestra Gaos

Gala de Inauguración
(S8) IX Mostra de Cinema Periférico

VOICES OF LIGHT / A PAIXÓN DE XOANA DE ARCO

Opera/Oratorio

Música: Richard Einhorn
Filme: Carl Theodor Dreyer (1928)
Versión Restaurada

Interpretación:
Orquesta e Coro Gaos
Director Fernando Briones

Datas: 25 de maio 2018. 20:30h
Teatro Colón. A Coruña

Venda de entradas
A través do Servizo de Venda de Entradas por internet de Ataquilla.com as 24 horas do día,no teléfono 902 504 500 de 8 a 22 horas de luns a sábado, ata 24 horas antes de cada espectáculo.

Ademais, as entradas poderanse adquirir en venda anticipada nas seguintes taquillas:

Sede Afundación de A Coruña, ubicada en Cantón Grande 8 de luns a sábados (festivos incluídos) de 9.00 a 21.00  h
Sede Afundación Santiago de Compostela, ubicada en Rúa do Vilar 19
Sede Afundación Vigo, ubicada en Policarpo Sanz 26
Sala de Exposicións Sede Afundación de Ourense, ubicada en Playa Mayor 4

E na propia taquilla do Teatro Colón de luns a domingo (consultar horarios na súa web: http://www.teatrocolon.es/entradas).
Máis información: www.s8cinema.com

María Ruido. A imaxe que pensa

María Ruido

La voz humana (1998). María Ruido

O audiovisual como ferramenta de pensamento, a montaxe como forma de elaboración dun discurso crítico e combativo: esas son (algunhas) das armas de María Ruido, creadora e investigadora galega que xa ten ás súas costas unha carreira de fondo de máis de 20 anos de produción cultural. Precisamente polo carácter rico e multidimensional da súa obra, o (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña dedícalle un ciclo que se expandirá máis alá dos días do festival, comezando o 21 de abril coa inauguración dunha exposición adicada á súa obra na Fundación Luís Seoane (día no que tamén se poderá ver La memoria interior (2002) e Lo que no puede ser visto debe ser mostrado (2010)), e que culminará durante o festival coa estrea de Mater amatísima e un encontro coa artista.

Nas películas e instalacións de María Ruido ao longo dos anos confluíron estratexias como a metraxe atopada (que máis que “atopada” é buscada, recuperada e posta en valor), o arquivo propio, as entrevistas, as testemuñas e documentos persoais, os textos dunha heteroxénea lista de pensadores e mesmo, nalgúns dos seus traballos, a performance. Cada peza de Ruido é unha investigación e unha procura, unha colaxe de imaxes e sons que xera ideas e reflexións que tentan cuestionar o establecido desde a multiplicidade de voces e puntos de vista, e repensar as imaxes ás que nos vemos expostos cada día. O traballo, os corpos, a construción da memoria e a identidade e a elaboración da historia son algunhas das liñas temáticas de Ruido, que dinamita os discursos mediáticos para beber da experiencia persoal e colectiva nunha obra política desde os seus cimentos.

No extenso ciclo que lle dedica o (S8), poderemos ver películas que responden a moitas das súas principais inquedanzas. É o caso do repaso que fai do discurso da memoria histórica, con especial incidencia na Transición en pezas como Lo que no puede ser visto debe ser mostrado (2010), que trae á fronte o cinema militante feito na España dos anos 60 e 70, e Plan Rosebud 1 / Crime Scene (2008) e Plan Rosebud 2 / Calling the Ghost (2008), que a partir do debate social ao redor da chamada Lei de memoria histórica desmonta unha serie de lugares comúns xeradores de “narrativas heróicas” (desde os monumentos aos discursos hexemónicos xerados polos medios de comunicación e o cinema).

O terreo do íntimo, a análise dos vínculos familiares, revísase desde distintas ópticas: La memoria interior (2002) é unha inmersión no pasado familiar da autora, que busca desentrañar desde o persoal as dinámicas e políticas do traballo e a migración, e o significado de pertenza á clase obreira. Doutra banda, Mater amatísima (2017) describe no seu subtítulo a dirección da súa investigación: trátase dunha revisión dos imaxinarios e discursos sobre a maternidade en tempos de cambio, partindo da idea da maternidade como construto e ferramenta de control social.

A (nada neutra) mirada de Europa sobre África, o colonialismo e as ondas migratorias do sur ao norte son temas que conflúen en Le reve est fini / El sueño ha terminado (2014) e L’oeil impèratif / El ojo imperativo (2015). Na primeira, a circunstancia persoal de Ruido mestúrase co clima político circundante, no escenario da tunisiana Lampedusa: símbolo da tumba na que se converteu o Mediterráneo para miles de africanos que buscan esa Europa soñada. Un soño que vai agonizando fronte ao que parece que ser· a revolución aínda por vir, o levantamento de África que pareceu acender a Primavera árabe. Doutra banda, L’oeil impèratif / El ojo imperativo (2015) é unha revisión do colonialismo, que xa non se sustenta en base a un poder político ou económico, senón a unha “xerarquía do pensamento”, unha “hexemonía epistemolóxica”. Un traballo que toma Marrocos como caso de estudo, para tentar imaxinar novas formas de construír renovadas xenealoxías visuais.

Completa o percorrido pola obra de Ruido a exposición “Le paradis”, que toma o seu título do autorretrato homónimo elaborado pola autora que vira sobre a idea do “paraíso” da infancia. Ademais desta peza, a exposición recolle traballos de finais dos 90 como Ethics of Care (1999), Hansel y Gretel (1998), Cronología (1998) e La voz humana (1998), nos que fala sobre a construción da identidade (en especial da identidade das mulleres) desde a infancia e as políticas do corpo, en moitos casos utilizando o propio corpo como ferramenta de expresión e acción performativa. A súa participación completarase cunha conferencia, que terá lugar o sábado 2 de xuño na sede de Afundación de A Coruña, como parte das actividades didácticas da Mostra, que conta coa colaboración de aulaCREA.

María Ruido é artista, realizadora, investigadora e docente. Actualmente vive en Madrid e en Barcelona, onde é profesora no Departamento de Arte e Cultura Visual da Universidade de Barcelona. Desde 1998 vén desenvolvendo un traballo audiovisual que se puido ver en centros culturais e de arte como o CGAC, en Santiago de Compostela, o MACBA, o Centre d’Art Santa Mónica e o CCCB, en Barcelona, La Casa Encendida e o MNCA Reina Sofía, en Madrid, o Kunstverein, en Múnic, os Institutos Cervantes de Sofía, Milán, Berlín e Praga, o CCEBA, en Bos Aires, e a Filmoteca da UNAM, en México, entre outros. As súas pezas pasaron tamén por festivais e eventos como o FID Marseille, DocumentaMadrid, a Mostra Internacional de Films de Dones de Barcelona, Zemos, Márgenes, os Rencontres Internationales Paris/ Berlin/Madrid, e Art Basel Hong Kong, entre moitos outros. Ademais, escribiu para diversos libros e publicacións, e é autora dun libro sobre Ana Mendieta.