Posts etiquetados en ‘seminario’

Aberta a convocatoria do II Seminario Crítica e Programación Online

 


O cinema experimental apostou sempre polo cinema no seu formato orixinal, sendo o feito cinematográfico da proxección en formato filme un dos eixos centrais. Porén, o experimental non está enfrontado coa evolución tecnolóxica. O II Seminario de Crítica quere facer fincapé este ano no mundo online como un espazo onde o cinema experimental debe seguir a súa expansión en busca de novos públicos: ben desde a crítica cinematográfica, ben desde a programación de filmes.

A Cuarta Parede volve ao (S8) Mostra de Cinema Periférico para seguir teorizando arredor do cinema experimental. Con motivo do décimo aniversario da Mostra, o II Seminario de Crítica esténdese alén das datas do propio festival cunha ambiciosa proposta.

O seminario, organizado por A Cuarta Parede e (S8) Mostra de Cinema Periférico, co apoio de Acción Cultural Española (AC/E), contará con sesións teóricas, mesas redondas e proxeccións de filmes.

Os alumnos terán a posibilidade de publicar textos, escritos e audiovisuais, en A Cuarta Parede e contarán co apoio desta na edición dos seus textos.

Docentes

Stefano Miraglia é un curador independente e artista visual residente en Francia e Italia. É o fundador de MOVIMCAT – The Moving Image Catalog, un proxecto online sobre a cultura da imaxe en movemento. Ademais de MOVIMCAT, as súas actividades curadoras inclúen proxeccións e exposicións para Le Dôme Festival (Francia) e Nomadica (Italia). Os seus filmes son distribuídos Collectif Jeune Cinéma e foron exhibidos en numerosos festivais e lugares de cinema internacionais.

Brais Romero Suárez, director da revista A Cuarta Parede, programador do Festival Internacional de Cine Curtocircuíto, e investigador audiovisual, traballa no campo do video ensaio, a lingua galega e a identidade. Na actualidade, está a rematar a súa tese de doutorado sobre o rol do galego no cinema de ficción galego.

Prazos e matrícula

A matrícula para o seminario será de balde. O número de alumnos estará limitado 15, tendo prioridade aqueles que realicen antes a matrícula.

Para realizala, os alumnos deberán escribir un correo electrónico a [email protected], sinalando no asunto do correo “Seminario S8” e incluíndo no correo o nome completo e o DNI. O prazo de matrícula estará aberto ata as 00:00h del 30 de maio.

Horario

29 de maio
21:00 (Cineclube de Compostela)
Proxección curada por Stefano Miraglia

Con motivo do seminario, e a modo de comezo deste, o Cineclube de Compostela acollerá a proxección dunha serie de filmes curados Stefano Miraglia:

Palms (Mary Helena Clark, 2015)
La Señal Cosmica (Leandro Varela, 2018)
Hammam (Nick Collins, 2018)
Midnight Orange (Gautam Valluri, 2018)
Shape of a Surface (Nazlı Dinçel, 2017)
Le bruissement de la parole (Clio Simon, 2013)
Oasis of Mirrors (Zahid Jiwa, 2013)
Il mondo di sotto (Chiara Caterina & Nicola Di Croce, 2017)

1 de xuño

10:30 – 12:00 h (Sala de Prensa Afundación)
Impartida por Stefano Miraglia (sesión impartida en inglés)

 

Que hai detrás do acto de curar un catálogo en liña para a comunidade global de imaxes en movemento? Para responder a esta pregunta, abordaranse os temas da cinefilia, a difusión e a recepción, a arte e o pensamento crítico, a través dos lentes de dous estudos de caso, lecturas seleccionadas e experiencia persoal. Un dos estudos de caso será o programa de televisión italiano nocturno Fuori Orario e parte da idea (e ideais) que se difundiu durante o últimos trinta anos de programación experimental. Fomentarase o pensamento crítico colectivo sobre o cinema experimental, especificamente sobre os seus aspectos prácticos e sociais. Neste sentido, cara ao final da sesión, preguntarémonos: que podemos aprender do mundo da arte contemporáneo (que está, aínda, moi lonxe, e tan preto!). A sesión finalizará cun exercicio crítico específico para o campo de imaxe en movemento.

 

12:30 – 14:00 h (Sala de Prensa Afundación)
Impartida por Brais Romero

 

Fundada en, 2011, A Cuarta Parede é a primeira revista de crítica cinematográfica en galego. Creada en paralelo ao nacemento do Novo Cinema Galego, a revista deu cabida a todas as expresións do cinema, desde as máis experimentais ata as máis comerciais, tendo sempre especial interese por dar conta do cinema galego. Nesta sesión, veremos a evolución da revista nos últimos anos, así como os aspectos que van máis desde a propia organización do equipo, a algúns dos problemas que xorden ao exercer de forma online e desde Galicia a crítica cinematográfica.

 

16:30 h – 17:30 h (Sala de Prensa Afundación)
Proxecta constrúe: Fondo e forma. Xeitos e retos na programación dos festivais de cinema.

En colaboración con Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña organiza un encontro xunto aos responsables de diferentes festivais de cinema en Galicia, onde debater sobre os xeitos de programar, as estratexias, obxectivos, e as dificultades e retos aos que se enfrontan actualmente os equipos de programación dos festivas.

Proxecta é unha asociación sen ánimo de lucro que aposta pola defensa e posta en valor dos festivais, mostras de cinema e eventos audiovisuais de Galicia, así como pola promoción dos contidos e valores artísticos e culturais que estes impulsan.

 

18:00 h – 19:00 h (Sala de Prensa Afundación)
Impartida por Stefano Miraglia (sesión impartida en inglés)

Sesión práctica

Nesta sesión, o alumnado terá a ocasión de, empregando os materiais colgados na web de Moving Image Catalog (Movimcat.eu), enfrontarse á programación de hipotéticos ciclos de cinema. Desde a procura dunha idea central, á recompilación de bibliografía para apoiar os visionados, ata a planificación temporal dos contidos e a súa difusión na web, esta sesión está dedicada á parte máis práctica da programación (dificultades, problemas, consellos) nunha contorna experimental e online.

Aberta a convocatoria do seminario A Crítica de cinema experimental

Imaxe: A Cuarta Parede

A crítica de cinema experimental

O cinema experimental é a expresión máis libre da sétima arte, por iso, á hora de elaborar textos críticos sobre este cinema ás veces enfrontamos o bloqueo á páxina en branco. Cómpre liberar a nosa mirada de ideas preconcibidas e entregarnos a uns filmes que provocan, suscitan ou formulan ideas e imaxes imposibles de concibir se non é desde a liberdade de formato máis absoluta.

O seminario contará con tres sesións impartidas a cargo de profesionais da crítica de cinema. Ademais, complementarase coas masterclass e outras actividades organizadas pola (S8) Mostra de Cinema Periférico.

Os alumnos terán a posibilidade de publicar os seus textos, escritos e audiovisuais, en A Cuarta Parede e contarán co apoio da mesma na edición dos seus textos.

CALENDARIO

26 de Maio
1ª sesión teórica. 10:30 – 12:00h (Sala de Prensa Afundación)
Impartida por Alberte Pagán
A historia do cinema non é algo estático, senón que é unha construción cultural. Desde a academia ignórase ao cinema experimental, polo que, nun principio, foron as e os cineastas experimentais os que tiveron que xestionar as súas propias críticas e as súas propias historias. Se nun principio, nas primeiras décadas do invento, era posible unha historia inclusiva do cinema, hoxe en día, cun territorio en continua expansión, constatamos a imposibilidade dunha (única) historia.

2ª sesión teórica. 12:30 – 14:00h (Sala de Prensa Afundación)
Impartida por Fernando Algarín
Algúns filmes parecen procesar a súa propia historia, o seu punto de partida fractual. Ao mesmo tempo, ao ver esas mesmas películas, temos a impresión de que é na mesa e montaxe onde todo se anima, como se a promesa do filme que está por nacer agromase da converxencia das liñas de forza de certos elementos. Diríase que algúns cineastas desta sesión, como Michael Snow, James Benning, Laura Mulvey e Peter Wollen, Bruce Elder ou Joyce Wieland, descubriron os seus filmes entre eses dous momentos xemelgos: ao observar a concordancia dos elementos dispares e os encontros entre as bobinas. Nos dous casos, trátase dunha especie de semellanza magnética. Chega con sentir, en cada rotación, en que consiste a orientación de cada elemento.

16:30h – 17:30h (Fundación Luís Seoane)
Visita guiada ás instalacións de María Ruído, Ernie Gehr
e a exposición ‘Cinema de papel’.

18:00h – 20:00h (CGAI)
Proxección do filme de María Ruido ‘L’oeil impératif’

31 de Maio
12:30h – 14:00h (CGAI)
Conferencia ilustrada de Fried Vom Gröller

1 de Xuño
10:00h – 11:30h (CGAI)
Conferencia ilustrada de Ernie Gehr

2 de Xuño
Sesión práctica. 10:00 – 11:30 (Sala de Prensa Afundación)
Impartida por Mónica Delgado
Como realizar textos críticos sobre cinema experimental? Nesta sesión, veremos diferentes exemplos de textos críticos, escritos e audiovisuais, sobre crítica experimental. Ademais, os alumnos terán a ocasión de comezar a elaboración dos seus textos que, posteriormente, serán publicados en A Cuarta Parede.

12:00 – 13:00 (Sala de Prensa Afundación)
Masterclass de María Ruído
16:30 – 18:00 (Sala S8 Palexco)
Conferencia ilustrada de Nicky Hamlyn sobre a obra de Kurt Krent

 

DOCENTES
Alberte Pagán, cineasta e escritor, as súas obras foron exhibidas en festivais por todo o mundo, en 2016 foi galardoado co Premio da Crítica de Galicia. Na súa páxina web albertepagan.eu realiza traballos de investigación e crítica cinematográfica que compatibiliza coa súa actividade fílmica.

Francisco Algarín Navarro, crítico de cinema é un dos responsables de Revista Lumière, publicación web e en papel que adoita prestar moita atención ao cinema máis periférico. Entre os traballos máis recentes de Fernando destaca a edición do libro ‘Jeanette Muñoz. El paisaje como un mar’.

Mónica Delgado, crítica de cinema e directora de Desistfilm, unha das webs máis importantes sobre cinema independente na actualidade. Mónica colabora, ademais, con Fandor, onde publica os seus videoensaios que xiran arredor de autores clásicos como George Cukor ou novos cineastas coma Juan Daniel Molero.

Prazos e matrícula
O número de alumnos estará limitado a 25, tendo prioridade aqueles que realicen antes o pagamento da matrícula na conta de A Cuarta Parede.

O prezo para participar no seminario será de 30€, para aqueles alumnos que queiran asistir a todas as sesión. Estes recibirán un kit de benvida do (S8) así como unha acreditación para a asistencia a todas as proxeccións.

Os alumnos que só estean interesados en asistir á xornada do 26 de maio, a tarifa será de 18€.

Para realizaren a matrícula, os alumnos deberán escribir un correo electrónico a  [email protected], sinalando no asunto do correo “Seminario S8” e incluíndo no correo o nome completo e o DNI.

O prazo de matrícula estará aberto ata o 23 de maio.