Posts etiquetados en ‘Obradoiro’

Phil Hoffman. Vivir/filmar

Imaxe: Phil Hoffman. Intro

Vendo o cine de Phil Hoffman, parecera que vivir e filmar son a mesma cousa. Hoffman conseguiu dende o principio da súa carreira (que comeza nos setenta) dominar a arte do diario filmado, facendo que a sinceridade e a emoción se conxuguen á perfección coa forma. Nacido en 1955 en Kitchener, Ontario, Hoffman ocupa un lugar preeminente na rica escena do cinema experimental canadense, non só como cineasta senón tamén como impulsor dun proxecto educativo que ten marcado a vida e as formas de facer de moitos outros cineastas desde que comezara en 1994: a Film Farm. Unha sorte de “retiro espiritual” colectivo ou “campamento de verán” para cineastas no que se levan a cabo proxectos persoais e experimentais en formato fílmico e con técnicas de revelado artesanais e ecolóxicas. info

Obradoiro Mini (S8): A imaxe expandida. Laboratorio de cine e experimentación audiovisual


Destinado ao público infantil de 7 a 12 anos. Dúas mañás de experimentación e creación audiovisual percorrendo de maneira práctica e divertida elementos clave da linguaxe do audiovisual. Utilizando aparellos de proxección analóxicos e dixitais, con axuda de lentes, lupas e lanternas, descubriremos a maxia e o poder fascinador do cinema. Da man da cineasta Xisela Franco e o artista audiovisual Juanma LoDo inventaremos xogos de sombras, crearemos os nosos propios contidos audiovisuais: fotogramas con recortes que animaremos, xogando coa luz e con todo tipo de obxectos animados e inanimados. Todo iso será rexistrado con dispositivos de gravación de vídeo dixital, e volverémolo proxectar para avanzar no propio proceso de creación de novas linguaxes e narrativas audiovisuais.

Así no transcurso desta veloz e alucinatoria viaxe coñeceremos algúns xoguetes do pre-cinema,
descubriremos que é a cronofotografía cos experimentos de Muybrige e Marey, ou petiscaremos no cinema primitivo (Alice Guy, irmáns Lumiére, Méliès). O paso seguinte será descubrir a maxia da montaxe (Kulechov, Hitchcock), experimentar a asociación de imaxes que crea sentidos. E por último queremos alumar as posibilidades que deu a chegada do sonoro. Para facer máis interactivo este traxecto en busca dos segredos da fascinación do cinema, valerémonos da tecnoloxía cibernética e dixital, e alternaremos distintos softwares de maneira que o computador se converterá en catalizador final das nosas propias imaxes, sons e sensacións.

LUGAR: Fundación Luis Seoane, Rúa San Francisco, 27, A Coruña.
HORARIO: Sábado 27 de maio de 11h a 14h / Domingo 28 de maio 12h a 14h
INSCRICIÓNS: Na dirección de correo electrónico, [email protected] indicando no asunto do mail: Obradoiro mini(S8). Prazas limitadas.
PREZO: €10