Posts etiquetados en ‘(S8)’

Left Hand Rotation: célula independente e á contra

Ás veces, é moi saudable ir ao contraxeito. En especial, se a corrente contra a que se vai é das que paralizan, apabullan e esmagan, o vento dos nosos capitalistas tempos modernos. Left Hand Rotation -colectivo que estará presente no (S8) cunha instalación- vai a contramán, xira na dirección contraria á estipulada, como a tradución do seu nome indica. E fano despregando unhas accións que, cunha vertente moi lúdica, deixan ao descuberto o absurdo do mundo no que vivimos. Como eles mesmos o definen, Left Hand Rotation “é un xiro na dirección contraria que pode producirse en calquera momento, un parafuso que hai que apertar xusto ao contrario do esperado”. Un concepto en constante construción e cuestionamento. info

O ceo na Terra: manifestacións do inefable

Abordar a sensualidade, o sensorial deste mundo para alcanzar outro. Moldear a luz, a través dunha cámara, para lograr entrever o máis aló. Utilizar as cadencias e o son para alcanzar un novo estadio da consciencia que nos permita tocar o inaprensible, entrever o espírito das cousas. O ceo na Terra, parte da programación da próxima edición do (S8), é un ciclo que reúne a catro creadores de vangarda americanos cuxo campo de estudo móvese por estes terreos: Zoe Beloff, Nathaniel Dorsky, Robert Beavers e Phil Solomon. O cine, que é luz, son e cadencia, revélase para eles como o medio máis idóneo para intentar esbozar como é o que se escapa á nosa comprensión, e para materializar o inmaterial. Para recrear o ceo na terra. info

O Antigo Cárcere Provincial da Coruña e o (S8): dándolle a volta ao panóptico

Oito meses despois do peche do Cárcere Provincial da Coruña, celebrábase nas súas instalacións recentemente abandonadas un evento cultural: o (S8). Mantas, calendarios, pintadas dos presos que ata facía pouco seguían alí, testemuñaban a función que ese espazo cumprira durante tantos anos, e convivían coa enerxía nova que entraba no cárcere. É importante que, mentres isto pasaba, non se produciu o lavado de faciana que converte ás institucións e factorías abandonadas en asépticos centros culturais, disociando ao espazo do seu significado e da súa relación co poder. Un ambiente, o das celas, que non deixa entrar o aire corporativo (moitas veces viciado) que rodea ás institucións da cultura, sepáraas da realidade, e convérteas en burbullas desde as que se fai coma se non pasase nada. Un espazo, o do antigo cárcere provincial, do que non se borraron as pegadas da privación da liberdade, do marxinal, unhas pegadas que nos poden axudar a manternos alerta nun mundo no que os cidadáns viven suxeitos a mil sutís e inquietantes formas de control.Un ambiente, o das celas, que non deixa entrar o aire corporativo (moitas veces viciado) que rodea ás institucións da cultura, sepáraas da realidade, e convérteas en burbullas desde as que se fai coma se non pasase nada. Un espazo, o do antigo cárcere provincial, do que non se borraron as pegadas da privación da liberdade, do marxinal, unhas pegadas que nos poden axudar a manternos alertas nun mundo no que os cidadáns viven suxeitos a mil sutís e inquietantes formas de control. info

Benvidos ao (S8) Mostra de Cinema Periférico 2011

Pasen e póñanse cómodos. Dámoslles  a benvida á segunda edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico, que terá lugar os días 2, 3, 4 e 5 de xuño no Antigo Cárcere Provincial de A Coruña. Aínda que quedan varias semanas, dende aquí xa comezamos a ofrecer algúns aperitivos que dan unha idea do saboroso menú que se poderá disfrutar este ano na Mostra. Non hai máis que ver o repaso en vídeo da primeira edición do (S8), no 2010, para que a calquera se lle faga a boca auga. Así que permanezan en sintonía…

info

Atlas Ilustrado da Periferia Vol.3

·Vostede está aquí·

Terceira e última entrega dun Atlas que continua en transformación e en reescritura constante. Quitando o po que nos impide atopar a periferia nos mapas máis arcaicos, e utilizando o centro como mero punto de referencia debuxar o mapa, que neste caso é inequivocamente un mapa do tesouro.

info