Guy Sherwin, este venres no (S8)
Falamos con Guy Sherwin, que a tarde do venres ofreceranos, dentro do ciclo Cine Performativo unha mostra do seu fascinante traballo, que expande as fronteiras do cine.
É fascinante o xeito na que os teus filmes xogan co tempo; pasado e presente están, dalgún xeito, en comunicación. En traballos como Man with Mirror ou Paper Landscape, planeaches facer esta conexión cando filmaches as imaxes que se proxectan? Como evolucionaron as pezas desde os setenta ata agora?
Os traballos certamente evolucionaron desde que os fixen, ou polo menos eu o fixen (!). Creo que foi Yoko Ono quen dixo que se enterras algo e o desenterras 30 anos máis tarde, vólvese interesante. Cando fixen Man with Mirror e Paper Landscape a idea central viraba ao redor da idea de ilusión vs. realidade, ou espazo exterior vs. espazo interior (ou proxección). Ambas performances foron feitas unhas poucas veces nos setenta e principios dos oitenta, e quedaron de lado ata que Mark Webber invitoume a repetilas nos 2000. Para entón, envellecera, por suposto, e creo que iso agora se converteu no interese central dos filmes! Esa non era a intención cando os fixen; useime ao meu mesmo como performer simplemente porque estaba dispoñible e libre.
En traballos como Views from Home, usas o movemento da luz, o stop motion e o son para facer, desde o meu punto de vista, unha tarde que ocorre nun período de 18 anos. Filmas material pensando nesta clase de conexión temporal?
Non, non foi feito como describes, aínda que me gusta a túa descrición. Hai moitas pistas de que Views from Home foi filmado durante un período de tempo; creo que foi durante un par de veráns de 1987 e 1988. Con todo, gozo revisitando filmes e traballando algo así como unha “profundidade temporal” neles, e cando levas 40 anos facendo películas hai moitas oportunidades para iso. Na época na que fixen Views from Home tiña pouca idea de en que terminaría todo aquilo. Non considerara o son tampouco entón. Por sorte, estivera facendo gravacións de son nesa época nos arredores da casa de Alan Wilkinson cando ensaiaba coa súa saxofón. O filme fíxose máis adiante no 2005, despois de que aprendese a editar co computador. Divertinme moito traballando coa banda sonora e coa súa relación coas imaxes da película.
Cal é a importancia de traballar con película (en lugar de vídeo)? As propiedades da película de cine afectan á calidade do filme?
Por suposto. A película é un medio moi táctil con calidades particulares e propias. Os seus procesos son fotoquímicos, moi diferentes dos digitais. Os meus performances (con Lynn Loo) non hai xeito de que puidesen facerse con vídeo. Polo menos a idea de son óptico e a súa manipulación non é posible en vídeo (aínda que é posible escribir programas que convierntes as imaxes en sons). De modo que nós intentamos romper as barreiras do que é posible con estas tecnoloxías analóxicas (de película), traballando de moitos xeitos pouco ortodoxos, en parte coa intención de achegar a proxección en 16mm a unha actuación musical en vivo -efectivamente, “tocamos” os proxectores durante as performances.
Por que decidiches, logo de estudar pintura, empezar a traballar con película? Como estan relacionadas estas dúas disciplinas, desde o punto de vista do teu traballo?
A pintura e o cine lidan coa ilusión e o material. Unha pintura, de algo no mundo, crea a ilusión desa cousa, ademais de ser… só pintura nunha superficie. Gústame trabajr co cine dese xeito, de modo que uso os aspectos ilusiorios da película pero ao mesmo tempo hai certo diálogo coas propiedades materiais do filme ou cos seus procesos. O espectador pode ler a ilusión e ver como esta feita ao mesmo tempo.
Empecei a traballar con película como pintor porque me sentín atraído pola idea de tempo e movemento. Nesa época, finais dos 60 e principios dos 70, a película era un medio moi novo para os artistas, cheo de potencial por explotar. Era o medio da vangarda por aquel entón, aínda que o mundo da arte tardou moito en recoñecer isto.
¿Como empezaches a facer performances con película, como diste coa idea? É necesario facer moitos ensaios?
Durante o meu período formativo, asistín a moitas proxeccións na London Filme-Makers Cooperative (coa que logo traballei). Artistas como Malcom LeGrice e Annabel Nicolson xa estaban traballando con cine e performances, así que foi moi natural para min empezar a desenvolver as miñas propias ideas usando estas formas experimentais. Con todo, esta aproximación coñecida como “cine expandido” perdeuse de vista nos oitenta e os noventa. Volvín a iso cara ao 2000.
E si, o cine performativo ou “Live Cinema” implica moitos ensaios, aínda que non buscamos un resultado minuciosamente pulido, de modo que non ensaiamos moito, ¡só o xusto! Sempre estamos abertos a novas posibilidades, ata as cousas que saen mal se poden converter en cousas a favor, ¡serendipia! Traballar con músicos que non viron o traballo previamente é unha forma de mantelo fresco e pode levar o traballo en bastantes direccións distintas.
Fálame do teu traballo co son nas películas e nas performances, e como utilizas as propiedades particulares do son óptico. Como se improvisa con este material? Tes en mente as formas improvisacionales do jazz ou do noise en mente?
Usei o son óptico de diversos xeitos, rabuñando a pista de son ou pegándolle formas, tamén usando a cámara para gravar imaxes que se redirixen ao cabezal de son do proxector. Hai unha linguaxe distintiva do son óptico que se pode aprender, por exemplo, se fas liñas horizontais, mentres máis próximas entre si máis agudo é o ton do son. Tamén os cambios de densidade alteran o volume.
A improvisación co son óptico é posible alimentando sons, polo xeral de máis dun proxector, dentro dunha mesturadora de son e cambiando a mestura e o carácter do son en resposta ao ambiente, ao espazo e ás imaxes na película, claro. A miúdo usamos loops en combinacións cambiantes. Non temos unha forma particular en mente, pero como como suxires, hai elementos de jazz e de música improvisada. Os sons xerados son a miúdo bastante industriais e iso intervén na mestura tamén. O meu DVD/libro Optical Sound Films (LUX 2007) describe en detalle as prácticas usadas ao facer os films.
Guy Sherwin
Sesión 1
Venres 3 ás 17:15 h. Sala (S)
Sesión 2 (Performances)
Venres 3 ás 22:00 h. Frontón
Lugar: Antigo Cárcere