Conclúe a 1ª edición de BAICC: Entrevista a Tono Mejuto

Imaxe: Tono Mejuto

Imaxe: Tono Mejuto

En 2017 puxéronse en marcha as primeiras Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica – BAICC, un proxecto moi desexado polo (S8) que se víu materializado grazas ao apoio de AC/E e o LIFT de Toronto, reafirmando a forte aposta da Mostra pola formación e a creación artística en espazos alternativos.

Tras unha exitosa primeira convocatoria con máis de 15 propostas recibidas, ‘Relieves’ de Tono Mejuto foi o proxecto seleccionado a desenvolver durante cinco semanas no Liaison of Independent Filmmakers of Toronto. O resultado final poderémolo ver, en estrea mundial, durante a 9ª Mostra de Cinema Periférico, que terá lugar en A Coruña do 25 de maio ao 3 de xuño de 2018.

Aproveitando os últimos días de Tono en Canadá quixemos realizarlle unha entrevista na que nos comenta a súa experiencia na residencia e algúns adiantos do seu traballo:

– Podería comentar a súa traxectoria brevemente?
Formeime como arquitecto e despois como fotógrafo, sendo máis ou menos autodidacta no cinematográfico, tratando de ver e asistir a todo canto ía atopando ao redor. Así puiden participar en cursos e talleres impartidos por Paulino Viota, Isaki Lacuesta ou Mercedes Álvarez entre outros. O Cgai en A Coruña foi importante en todo isto e sempre me axudou a manter a fame por seguir traballando neste campo. O ano pasado presentei a miña primeira curtametraxe rodada en 16mm, ‘Quiasma’, ao redor do proceso de traballo e creación do coreógrafo Javier Martín. Ésta foi estreada no Play-doc de Tui e programada posteriormente por diversos festivais.

– No pasado xa disfrutara doutras residencias artísticas. Cómo se afronta o proceso de creación neste contexto?
É sempre moi estimulante ao ubicarte nun lugar que xeralmente non coñeces e ter que producir algo nun tempo bastante reducido. É ao mesmo tempo importante o entrar en contacto con outra xente con intereses e coñecementos afíns e que sempre van aportar cousas ao traballo que non agardabas. Cando presentas o proxecto nunca sabes en realidade onde vas chegar e intentas estar atento a todo aquilo que atopas e como integralo en algo común facendo e desfacendo ao mesmo tempo sobre o que preconcibiras.

– Que opina de que a Mostra Internacional de Cinema Periférico (S8) e AC/E organicen as Residencias BAICC? Que buscaba cando presentou o proxecto?
No meu caso vino como a maneira perfecta de poder seguir traballando nun camiño no que comezara, pero que non dispoñía nin dos medios nin do tempo necesario para levalo un paso máis cara adiante. O terreo do cine experimental é sempre ambiguo e non é doado moitas veces atopar as canles para a produción e a exhibición axeitadas sobre as que seguir traballando. Tanto no caso do (S8) coma do Lift en Toronto, levan anos apostando e dando soporte a estas prácticas afastadas dos circuítos máis comerciais, e nese sentido creo que é unha alianza ideal sobre a que seguir construíndo.

– Podería explicar brevemente en qué consiste ‘Relieves’ o proxecto que está a desenvolver?
A proposta presentada versaba arredor da cidade e os seus ‘relevos’. Desde a formulación dunha rodaxe e proxección cinematográfica estereoscópica en 16mm, propoñíase un cine de observación, de pulso e ritmo. Unha viaxe arredor da vida do downtown de Toronto durante algúns días de inverno.

Algunhas das referencias tomadas eran pezas de aquilo que chamaron ‘sinfonías de cidade’ e que, con carácter experimental ou documental, abordaban a vida na cidade a comezos do século XX. Ademais dos casos de W.Ruttmann ou D.Vertov, tiña moi presentes tamén outros exemplos como ‘Regen’ (Chuvia) de Joris Ivens en Amsterdam ou ‘Manhattan’ de Paul Strand e Charles Sheeler arredor de Nova Iorque.

A partir de aí, o traballo en Toronto consistiu en desenvolver por unha parte a tecnoloxía que o faga posible (para a súa filmación e posterior exhibición), como a propia rodaxe e montaxe do proxecto final, que está derivado finalmente nunha mirada máis poliédrica de aproximación á cidade, a través de diversas tentativas sempre desde a imaxe estereoscópica en 16mm.

Imaxe: Tono Mejuto

Imaxe: Tono Mejuto

– Cal é a motivación para desenvolver a súa obra en formatos analóxicos e que cre que aportan en plena era da imaxe dixital?
Non atopo só unha motivación específica e diría que non ten tanto que ver coa procura dun resultado determinado, senón coa forma na que chegas a el. No meu caso, as limitacións que me impón a propia ferramenta condiciónanme desde o inicio aquilo sobre o que vou traballando e esíxenme (e permítenme ao mesmo tempo) un continuo axuste desta en favor do que quero contar. Supoño que isto sucede sexa cal sexa o formato, pero ese desafío é parte das ganas de traballar neste medio, e que doutra maneira quizais non o tería feito.

Doutra banda, gústame esa relación sempre moi presente coa fotografía e outras experiencias pre-cinematográficas, nas que o movemento se constrúe fotograma a fotograma e o tempo filmado ten unha correspondencia no espazo. Ao mesmo tempo nestes formatos está aínda presente o uso do obturador (tanto en cámara como en proxectores) en oposición a ese aparente ‘tempo continuo’ que che ofrece a imaxe dixital.

– Que significa para vde. traballar nunha institución de referencia internacional na creación da vangarda cinematográfica como é LIFT Toronto?
Está a ser unha experiencia fantástica, tanto polos medios dos que dispón o Lift para desenvolver un proxecto como o presentado, como polas distintas persoas involucradas no seu funcionamento, que están a resultar parte importante do traballo aquí. É ao mesmo tempo un lugar que te achega naturalmente ao traballo doutras persoas que están en distintas fases de produción dos seus propios traballos e que inevitablemente aportan valor ao que un está a facer.

– Que lugar ocupa a cidade de Toronto (e os seus ‘relieves’)? Que destacaría da súa comunidade de cine e como se sinte traballando nela?
Polo que puiden coñecer, é unha comunidade moi ampla e activa. Puiden ir a bastantes proxeccións e coñecín espazos, festivais ou agrupacións que apostan por estas prácticas cinematográficas. O propio Lift, a PixFilmGallery que dirixe a cineasta Madi Piller, o CineCycle, o festival Images que comeza nun par de semanas, ou a agrupación Pleasure Dome fundada en 1989 e que mantén aínda a súa actividade dende aquela. É unha comunidade que resulta ao mesmo tempo familiar e colaborativa, como profesional, cun nivel de produción sempre sorprendente.

– En que parte do proceso se atopa o proxecto nestes momentos?
Agora mesmo estou na última semana de residencia, acabando de probar os distintos sistemas para unha proxección estereoscópica, tanto en 16mm como en formato dixital, así como traballando na montaxe final da peza para a súa exhibición durante o festival.

– Con que se vai atopar o público que se achegue á estrea de ‘Relieves’ na vindeira edición da Mostra Internacional de Cinema Periférico (S8)?
Agardo que cunha experiencia sorprendente dentro do cinema en tres dimensións. O uso da imaxe estereoscópica (máis aló de como se veu empregando na industria dos últimos tempos) é capaz de dotarnos desta calidade háptica, na que a percepción, o corpo e os sentidos, son capaces de ofrecernos novas informacións acerca de nosa propia experiencia do espazo e o tempo (ou polo menos iso espero). Doutra banda o feito de empregar celuloide en 16mm transforma a imaxe 3D á que estamos habituados, levándonos máis preto desa experiencia fotográfica inicial do visor estereoscópico e as súas postais de cidade.

Imaxe: Tono Mejuto

Imaxe: Tono Mejuto