Regreso ao paraíso

María Ruido

Le paradis (2010). María Ruido

Volver á Coruña despois de 20 anos de rodar os primeiros traballos é como pechar un círculo, que empeza diante da cámara e acaba detrás dela, que pasa do corpo individual ao corpo colectivo, da performance ao ensaio-visual, de facer con certa inconsciencia a facer con anos de responsabilidade, pero co mesmo interese por un cinema e unha arte periférica, fóra do centro, máis alá do centro.


Lembro a rodaxe na EIS de Coruña como un experimento entre amigos e amigas, axudada por amigos e amigas: María, Chus, Fernando, Keko, Marta… Volver á Coruña tras gravar en moitos mundos e mostrar películas dentro e fóra de Galicia, do estado español, é volver estar cos mesmos amigos e amigas, 20 anos despois, co mesmo espírito experimental, aínda que con máis atención posta no que facemos. É volver a casa, aínda que vivir na casa sexa xa case imposible para min. Facer desde un lugar en sombra, facer desde un lugar incómodo, con pequenos orzamentos e de forma completamente artesanal e sen case ningún intermediario, foi primeiro unha necesidade e agora é unha elección: facedora de películas / filmmaker. Inventar algo parecido a esa palabra, que se desfai da nomenclatura “directora”, e de todo o que leva ese demiurgo e as súas xerarquías, para facer, con vontade e por vontade propia, películas pequenas, relatos en vídeo e cinema tomando en gran medida imaxes prestadas, situándose nunha xenealoxía moi concreta, pouco vistosa e comprometida, situada, afastada dos grandes festivais e os focos, e centrándose na vida como a principal fonte de iluminación destes relatos pequenos e fráxiles. Entendendo estas películas pequenas como ferramentas dunha gran potencia política, ás que o mellor que lles pode ocorrer é que outros e outras as usen, que se apropien delas, que as reinterpreten e remesturen.

A remestura, a apropiación, a relectura… a montaxe, o fóra de campo, o tempo real: as grandes ferramentas. A inscrición nun cinema de des-autor/a, de cuestionamento da autoría tradicional, a inscrición nunha xenealoxía que vén tantas veces de fóra porque nos furtaron a nosa propia historia. Películas sobre a historia, sobre as historias, sobre as que non saen nos libros nin no cinema comercial. Películas sobre a clase traballadora ou sobre o que é hoxe a clase traballadora. Colectivas aínda que estean asinadas, obstinadas e fráxiles: maquetas sen calidade, que atopan que o éxito é seguir traballando nisto cada día, cando ninguén contaba contigo neste “club de elite” que é o cinema, nesta institución onde ser muller, e nacer nunha familia das que non saen nos libros de historia, exclúete de saída. Pois aquí estamos, aquí chegamos, 20 anos despois. 20 anos de amor ao cinema, á arte audiovisual, de amigos e amigas, de familias e xenealoxías propias e elixidas, sen os que nada disto pasaría e nada tería sentido.

María Ruido. Abril 2018