Programación completa e horarios (S8) 2015

Xa está dispoñible na nosa web o calendario e a programación completa desta nova edición do (S8). Presentamos tamén a nosa imaxe da Edición Especial Brasil, tomada polos patróns e as ondulaciones do pavimento brasileiro en distintas variacións.

Cartel_(S8)2015_FLORES_A3

Os patróns e as formas que compoñen este ano a imaxe do (S8) non son casuais, pois teñen un vínculo co país ao que se lle dedica un foco especial: Brasil. Para os brasileiros a construción da súa identidade –a brasilidade– é un proceso vivo que dalgún modo foi encomendado aos artistas. Lonxe do Brasil que retratan os folletos turísticos, na inmensidade do país máis grande de América do Sur, latexa unha frondosa e autosuficiente actividade cultural. Dela forma parte un grupo de cineastas para quen o celuloide é unha ferramenta e non unha moda, que florece nas selvas do concreto que son as cidades brasileiras: é aí onde se esparexe o paraíso cinematográfico, que de ser buscado nas xunglas tropicais e nas praias sería imposible atopar. Un caleidoscopio creativo formado pola amálgama de sensacións e referencias, a mestura cultural e o aire fresco dun imaxinario aínda en construción.

Cartel_(S8)2015_SELVA_A3

É aquí entón onde entran as formas e os patróns. O que une a un país tan extenso é precisamente o chan que pisa, invadido por mosaicos ondeantes que, do mesmo xeito que a capital que se construíron –Brasília, intento de modelar desde cero a súa identidade en formigón– , proba a capacidade do brasileiro de atopar plasticidade no ríxido. Así, o nome dun dos programas deste ano dedicado aos novos cineastas brasileiros, Paraíso do Concreto, resume o que convoca a programación do (S8) este ano: desde estes novos cineastas, ao repaso da vangarda brasileira histórica de Vexa ou Brasil, o cineasta paulista Marcos Bertoni na súa defensa da reciclaxe e o super 8 atopado entre o que a cidade refuga, a construción da identidade a través da propia memoria de Paula Gaitán e o retrofuturo que sinala Distruktur, o dúo brasileiro residente en Berlín (cidade que se tivo que reinventar e reconstruír). E que dalgún modo enlaza co invitado de honra deste ano: Ken Jacobs, proveniente doutra selva de asfalto como é Nova York, porto de entrada o novo mundo (do norte), e parte dun país cuxa identidade se construíu a golpe de celuloide no últimos 120 anos. Unha invención do cine (que abarca tamén a súa propia reinvención e ruptura de formas) da que é partícipe desde finais dos anos 50. Como parte da invención da vangarda do cine foi a cidade retorta e moldeada pola forza da creatividade de El gabinete del doctor Caligari, que na súa versión recentemente restaurada inaugura o festival.

Cartel_(S8)2015_PATRONES_A3

Aterra o paraíso do concreto na Coruña. E recíbeo o novo cine feito en Galicia que se verá en Sinais. E que ten en moitos casos, paradoxalmente, máis forma de bosque que de cidade.