Arquivos da ‘destacados’ Categoría

Aberta a convocatoria do II Seminario Crítica e Programación Online

 


O cinema experimental apostou sempre polo cinema no seu formato orixinal, sendo o feito cinematográfico da proxección en formato filme un dos eixos centrais. Porén, o experimental non está enfrontado coa evolución tecnolóxica. O II Seminario de Crítica quere facer fincapé este ano no mundo online como un espazo onde o cinema experimental debe seguir a súa expansión en busca de novos públicos: ben desde a crítica cinematográfica, ben desde a programación de filmes.

A Cuarta Parede volve ao (S8) Mostra de Cinema Periférico para seguir teorizando arredor do cinema experimental. Con motivo do décimo aniversario da Mostra, o II Seminario de Crítica esténdese alén das datas do propio festival cunha ambiciosa proposta.

O seminario, organizado por A Cuarta Parede e (S8) Mostra de Cinema Periférico, co apoio de Acción Cultural Española (AC/E), contará con sesións teóricas, mesas redondas e proxeccións de filmes.

Os alumnos terán a posibilidade de publicar textos, escritos e audiovisuais, en A Cuarta Parede e contarán co apoio desta na edición dos seus textos.

Docentes

Stefano Miraglia é un curador independente e artista visual residente en Francia e Italia. É o fundador de MOVIMCAT – The Moving Image Catalog, un proxecto online sobre a cultura da imaxe en movemento. Ademais de MOVIMCAT, as súas actividades curadoras inclúen proxeccións e exposicións para Le Dôme Festival (Francia) e Nomadica (Italia). Os seus filmes son distribuídos Collectif Jeune Cinéma e foron exhibidos en numerosos festivais e lugares de cinema internacionais.

Brais Romero Suárez, director da revista A Cuarta Parede, programador do Festival Internacional de Cine Curtocircuíto, e investigador audiovisual, traballa no campo do video ensaio, a lingua galega e a identidade. Na actualidade, está a rematar a súa tese de doutorado sobre o rol do galego no cinema de ficción galego.

Prazos e matrícula

A matrícula para o seminario será de balde. O número de alumnos estará limitado 15, tendo prioridade aqueles que realicen antes a matrícula.

Para realizala, os alumnos deberán escribir un correo electrónico a [email protected], sinalando no asunto do correo “Seminario S8” e incluíndo no correo o nome completo e o DNI. O prazo de matrícula estará aberto ata as 00:00h del 30 de maio.

Horario

29 de maio
21:00 (Cineclube de Compostela)
Proxección curada por Stefano Miraglia

Con motivo do seminario, e a modo de comezo deste, o Cineclube de Compostela acollerá a proxección dunha serie de filmes curados Stefano Miraglia:

Palms (Mary Helena Clark, 2015)
La Señal Cosmica (Leandro Varela, 2018)
Hammam (Nick Collins, 2018)
Midnight Orange (Gautam Valluri, 2018)
Shape of a Surface (Nazlı Dinçel, 2017)
Le bruissement de la parole (Clio Simon, 2013)
Oasis of Mirrors (Zahid Jiwa, 2013)
Il mondo di sotto (Chiara Caterina & Nicola Di Croce, 2017)

1 de xuño

10:30 – 12:00 h (Sala de Prensa Afundación)
Impartida por Stefano Miraglia (sesión impartida en inglés)

 

Que hai detrás do acto de curar un catálogo en liña para a comunidade global de imaxes en movemento? Para responder a esta pregunta, abordaranse os temas da cinefilia, a difusión e a recepción, a arte e o pensamento crítico, a través dos lentes de dous estudos de caso, lecturas seleccionadas e experiencia persoal. Un dos estudos de caso será o programa de televisión italiano nocturno Fuori Orario e parte da idea (e ideais) que se difundiu durante o últimos trinta anos de programación experimental. Fomentarase o pensamento crítico colectivo sobre o cinema experimental, especificamente sobre os seus aspectos prácticos e sociais. Neste sentido, cara ao final da sesión, preguntarémonos: que podemos aprender do mundo da arte contemporáneo (que está, aínda, moi lonxe, e tan preto!). A sesión finalizará cun exercicio crítico específico para o campo de imaxe en movemento.

 

12:30 – 14:00 h (Sala de Prensa Afundación)
Impartida por Brais Romero

 

Fundada en, 2011, A Cuarta Parede é a primeira revista de crítica cinematográfica en galego. Creada en paralelo ao nacemento do Novo Cinema Galego, a revista deu cabida a todas as expresións do cinema, desde as máis experimentais ata as máis comerciais, tendo sempre especial interese por dar conta do cinema galego. Nesta sesión, veremos a evolución da revista nos últimos anos, así como os aspectos que van máis desde a propia organización do equipo, a algúns dos problemas que xorden ao exercer de forma online e desde Galicia a crítica cinematográfica.

 

16:30 h – 17:30 h (Sala de Prensa Afundación)
Proxecta constrúe: Fondo e forma. Xeitos e retos na programación dos festivais de cinema.

En colaboración con Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña organiza un encontro xunto aos responsables de diferentes festivais de cinema en Galicia, onde debater sobre os xeitos de programar, as estratexias, obxectivos, e as dificultades e retos aos que se enfrontan actualmente os equipos de programación dos festivas.

Proxecta é unha asociación sen ánimo de lucro que aposta pola defensa e posta en valor dos festivais, mostras de cinema e eventos audiovisuais de Galicia, así como pola promoción dos contidos e valores artísticos e culturais que estes impulsan.

 

18:00 h – 19:00 h (Sala de Prensa Afundación)
Impartida por Stefano Miraglia (sesión impartida en inglés)

Sesión práctica

Nesta sesión, o alumnado terá a ocasión de, empregando os materiais colgados na web de Moving Image Catalog (Movimcat.eu), enfrontarse á programación de hipotéticos ciclos de cinema. Desde a procura dunha idea central, á recompilación de bibliografía para apoiar os visionados, ata a planificación temporal dos contidos e a súa difusión na web, esta sesión está dedicada á parte máis práctica da programación (dificultades, problemas, consellos) nunha contorna experimental e online.

As cineastas Madi Piller e Naomi Uman súmanse á celebración do décimo aniversario do (S8)

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico celebrará entre os próximos 31 de maio e 9 de xuño a súa décima edición despois de consolidarse ao longo destes anos como cita ineludible para a comunidade do cinema experimental, cinéfilos e simpatizantes da vangarda. Con motivo deste décimo aniversario, o festival continúa engadindo nomes á súa programación: á xa anunciada Jeannette Muñoz súmaselle nesta ocasión a artista visual Naomi Uman. Ambas formarán parte de “Vellos e novos amigos”, un programa que traerá á Mostra a cineastas convidados en pasadas edicións e o traballo de “novas amizades” relacionadas co universo (S8). A cineasta, animadora e programadora Madi Piller tamén se incorpora a esta edición do festival como docente do taller “FILM: Formas e revelacións” e como protagonista dun foco que reúne por primeira vez en España o máis destacado da súa filmografía.

Madi Piller visitará o festival por primeira vez. Esta cineasta peruana afincada en Canadá que traballa arredor da animación, a experimentación con soportes analóxicos e a memoria, sostendo que todo proceso cinematográfico se prolonga ata a proxección. Esta  amazona do underground contemporáneo protagonizará un foco en torno á súa obra que repasará por primeira vez en España o máis destacado da súa ampla filmografía, realizada en múltiples formatos cinematográficos como o super 8, o 16 mm e o 35 mm. Ademais, tamén acudirá ao (S8) en calidade de educadora: impartirá o taller “FILM: Formas e revelacións”, no que se utilizarán materiais  fílmicos usados, atopados ou caducados, químicos e orgánicos, se pintará, se cortará e se rasgará para traballar sobre técnicas de intervención da imaxe e o son durante a proxección. Deste xeito, a cineasta defenderá a súa idea de que o proceso de creación cinematográfica dura ata ata o mesmo momento da proxección, formando todo parte dunha experiencia completa.

Tendo formado parte do (S8) no 2012, Naomi Uman volverá de novo á Coruña para mostrarnos un work in progress do seu próximo traballo, León en León. Aínda que comezou estudando cociña e dedicándose a este oficio durante moitos anos, a artista decidiu cambiar de vida e facer cousas que lle parecesen fermosas e que durasen máis que unha comida: películas. Sempre interesada no que se pode facer coas mans dun mesmo, Uman utiliza o cinema como un vehículo para explorar o íntimo, o artesanal e, frecuentemente, ás mulleres e o seu papel na sociedade.

As dúas cineastas visitarán Madrid durante o próximo mes de xuño para levar a cabo diversas actividades por mor da colaboración establecida entre o (S8) e Cineteca. O (S8) expándese deste xeito cara a outros espazos e cidades para compartir, neste décimo aniversario, a maxia do cinema tanxible á beira de proxectos e institucións que creceron ao longo destes dez anos xunto ao festival.

A cineasta Jeannette Muñoz e unha homenaxe a Jonas Mekas, primeiros contidos da décima edición do (S8)

Con motivo do seu décimo aniversario, a Mostra artellará un programa especial que, baixo o nome “Vellos e novos amigos”, achegará ata a cidade a obra de cineastas convidados en pasadas edicións xunto a pezas de creadores afíns á liña de programación do festival, entre os que se atopa a chilena Jeannette Muñoz, unha das creadoras experimentais e de vangarda máis destacadas do noso tempo.

A cineasta impartirá tamén o obradoiro “Todo depende do cristal co que se mire” destinado a nenas, nenos e xóvenes con diversidade funcional. A través desta actividade, coorganizada xunto a NORMAL – Espacio de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, o festival revalida a súa aposta pola utilización do cinema como ferramenta e motor da inclusión social. Nela, os asistentes participarán no proceso de creación de fragmentos cinematográficos colectivos partindo da aportación e a suma de ideas individuais, tendo así a posibilidade de descubrir novos xeitos de ollar o mundo. Ademais das sesións de traballo, o taller rematará cunha presentación pública na que os participantes lles amosarán aos asistentes as pezas realizadas durante a actividade e na que se establecerá un diálogo entre os creadores, o público e a propia Jeannette Muñoz.

‘Invisible acts’: Jonas Mekas, padriño dunha xeración

O (S8) quere lembrar na súa décima edición a figura do recentemente falecido Jonas Mekas a través de ‘Invisible acts’, un programa especial comisariado polos programadores Andrea Franco e Javier Trigales.  A selección de filmes que o compoñen celebran a figura de Mekas como padriño dunha xeración de cineastas de vangarda que defendeu e apoiou dende as páxinas de Film Culture, The Village Voice e nas sesións de Filmmakers’ Cinematheque e o Anthology Film Archives. A homenaxe estará composta por unha selección de aqueles creadores e artistas que o lituano considerou imprescindibles por atopar poesía no seu cinema e porque reflictiron as preocupacións da muller e o home da época, algo esencial para Mekas á hora de que un filme cobrase sentido real. No programa poderán atoparse pezas de cineastas como Marie Menken, Hollis Frampton, Jack Smith ou Larry Jordan, entre outros.

Aberta a convocatoria de INPUT 2019

INPUT é un espazo de titorización de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xorde da colaboración entre a Fundación Luís Seoane e o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, mediante o que 3 autoras terán acceso a 3 profesionais de prestixio internacional do ámbito do cinema e da arte, coas cales poderán discutir acerca dos seus proxectos, dende o estado de escritura e desenvolvemento até o de distribución.

A finalidade deste programa é apoiar proxectos cinematográficos de calidade, dando a oportunidade ás autoras de repensar o seu proceso creativo, mellorar a obra, localizar fontes de financiamento e lograr a distribución máis acaída das pezas.

Dende o 12 de abril até o 5 de maio estará aberto o prazo de envío de proxectos, que será totalmente gratuíto, para o que debes enviar un dossier dun máximo de 5 follas coa seguinte documentación (en castelán e inglés) ao correo electrónico [email protected]:

– Sinopse: máx. 1 páxina

– Teaser (se ten): máx. 3 minutos

– 2 fotogramas ou imaxes relacionadas co proxecto (se ten)

– Bio da solicitante con ligazón á súa web (se ten): máx. 1 páxina

– 1 fotografía da solicitante

– Email e teléfono de contacto

O 10 de maio notificarase ás persoas seleccionadas, que terán até o 12 de maio para confirmar a súa asistencia. En caso de non facelo, procederase a contactar coas suplentes. O día 14 de maio farase público os 3 proxectos seleccionados que participarán en INPUT 2019.

As titorías terán lugar na Sala de Prensa de Afundación o día 5 de xuño de 11:00 a 12:00 e na Fundación Luís Seoane os días 6 e 7 de xuño en horario de 10:30 a 12:30. As participantes terán garantida a asistencia ás masterclasses que haberá no CGAI os días 6 e 7 de 13:00 a 14:00. INPUT 2019 terá lugar no contexto do (S8) Xª Mostra Internacional de Cinema Periférico.

Para máis información, podes descargar as bases na seguinte ligazón: BASES INPUT 2019_GAL

Calquera dúbida será atendida en [email protected].

Conclúe a residencia artística da 2ª edición de BAICC: Entrevista a Aitziber Olaskoaga

En 2017 puxéronse en marcha as primeiras Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica – BAICC, un proxecto moi desexado polo (S8) que se víu materializado grazas ao apoio de AC/E e o LIFT de Toronto, reafirmando a forte aposta da Mostra pola formación e a creación artística en espazos alternativos.

Esta semana cuncluíu a segunda edición de #BAICC, na que o Liaison of Independent Filmmakers of Toronto acolleu á cineasta Aitziber Olaskoaga. PMC – Principio Máquina de Coser foi a súa proposta conxunta con Pilar Monsell, elixida entre as case 30 propostas recibidas nesta convocatoria. O seu prototipo colaborativo, a SEE-W-ING MACHINE, é un dispositivo que combina un proyector de 16 mm e unha máquina de costura que lles permitirá coser e proxectar películas ao mesmo tempo. Elas son oColectivo Prismáticas, e o resultado final deste traballo realizado ao longo de 5 semanas en Toronto poderase ver, en estrea mundial, durante a Xª Mostra de Cinema Periférico, que terá lugar en A Coruña do 31 de maio ao 9 de xuño de 2019.

Como colectivo, PRISMÁTICAS está apaixonadamente comprometida co uso e manipulación do cine analóxico, que exploran a potencialidade do proceso colectivo e de código aberto ao establecer encontros entre mulleres traballadoras de diferentes industrias, especialmente as industrias audiovisual e textil. A súa máquina SEE-W-ING permitirá que estas ideas se convirtan no ambiente performativo, revelando o traballo a miúdo invisible das mulleres.

Aitziber Olaskoaga, Bilbao (1980). Artista visual que traballa con videos e formatos analóxicos para levar a cabo proxectos cinematográficos documentais. Actualmente está estudando o Programa de Cine e Vídeo no Instituto de Artes de California grazas a unha bolsa de estudos da universidade, onde traballa como proxeccionista principal. En 2018 formou parte da exposición Bi dos two, comisariada por eramuak en Azkuna Zentroa, Bilbao (España) e actualmente está editando un vídeo-ensaio que reflexiona sobre o nacionalismo e a construción da identidade nacional no País Vasco xunto a Pilar Monsell, grazas a unha concesión do Goberno Vasco. Aitziber leva un ano de escolarización para realizar algúns proxectos en Europa, como residencia artística en BilbaoArte, onde agora traballa en Dar Salam, un proxecto colectivo da maior área metropolitana de Bilbao.

Aproveitando os últimos días de Tono en Canadá quixemos realizarlle unha entrevista na que nos comenta a súa experiencia na residencia e algúns adiantos do seu traballo:

– Poderías comentar a túa traxectoria brevemente?

Estudei cinema e comunicación audiovisual e despois da carreira realicei unha infinidade de traballos que non estaban relacionados coa creación audiovisual, e que non me motivaban. Fai catro anos déronme unha bolsa do Ministerio de Cultura para irme a Los Ángeles durante sete meses. Alí acabei O sorriso telefónico, unha peza en vídeo que se mostrou nalgúns festivais de cinema. Mentres estaba alí tamén realicei a solicitude para estudar un master de cinema en California Institute of the Arts, e a universidade ofreceume a oportunidade de pagarme os estudos a cambio de ser a responsable da cabina de proxección do cinema da escola (somos uns 10 proyeccionistas). Acabei o meu segundo ano do master o verán pasado e este ano collinmo sabático, volverei no outono para acabar o último curso do programa.

– No pasado xa gozaches doutras residencias artísticas. Como se afronta o proceso de creación neste contexto?

Cada residencia artística ofrece un contexto de produción específico, xa sexa pola súa economía e medios, así como polo territorio onde ser desenvolve. Esta é a segunda que levo a cabo e é por moitos motivos completamente distinta á anterior que realicei, na que non dispuña dun espazo de traballo ou taller, non tiven que desprazarme a outro país para realizala, e non contei cunha partida de diñeiro destinada ao meu traballo ou gastos diarios. Paréceme que este contexto de produción é inseparable da forma na que afrontamos o proceso de creación do proxecto a desenvolver.

Durante a miña residencia en LIFT, sabía que o primeiro que tiña que facer ao chegar a Toronto, era buscar xente que soubese de electrónica e programación para traballar con ela. Así que os meus primeiros días en Canadá dediqueime a preguntar con quen podería traballar no proxecto, e a escribir emails. Tiven moita sorte porque a primeira semana atopei a un mozo que non só tiña todos os coñecementos que buscaba nun posible colaborador, senón que ademais, ao ser programador e activista, contribuíu enormemente a facer crecer a dimensión histórica e política do proxecto.

Por unha banda, esta primeira fase de PMC centrouse na construción, hackeo e cacharreo dun primeiro prototipo, e por outro, na investigación acerca da invisibilización do traballo de mulleres racializadas na industria electrónica.

– Poderías explicar brevemente en que consiste PMC o proxecto que estás a desenvolver?

Principio Máquina de Coser é un proxecto a longo prazo que estamos a desenvolver Pilar Monsell e eu baixo o nome de Prismáticas. O cinematógrafo, aparello que combinaba cámara de cinema e proxector, partiu do sistema de arrastre das máquinas de coser, o que se coñece como “principio máquina de coser”. Nós lanzamos a seguinte pregunta: que pasase se o proxector de cinema non excluíse a costura?

Durante esta residencia quixémonos centrar na construción dun primeiro prototipo de máquina que dalgunha forma inclúe partes e elementos tanto do proxector, como da máquina de coser, así como compoñentes electrónicos e materiais varios.
Propómonos construír un dispositivo artístico que permita combinar o que antes se atopaba separado [ cinema e costura ] e que poida con iso dar luz sobre un espazo itinerante de enunciación, reivindicación, auto-representación e diálogo entre mulleres traballadoras de distintos sectores industriais, especialmente do audiovisual e do téxtil. Pretendemos buscar xuntas o mellor modo de facer circular os nosos coñecementos técnicos e artísticos, indagar nos potenciais dos procesos de traballo colectivo e de código aberto e, por último, tecer encontros con mulleres traballadoras doutros sectores.

– Cal é a motivación para desenvolver a túa obra en formatos analóxicos e que crees que achegan en plena era da imaxe dixital?

Todo o relacionado co técnico, e a manipulación e coñecemento profundo de maquinaria, foi monopolizado e relegado ao masculino, e en gran parte este proxecto ten como obxectivo subvertir isto.

Para iso, PMC toma como punto de partida o momento histórico do nacemento do proxector de cinema, e nós arrincamos o proxecto cun aparello analóxico (un proxector de 16mm) que aos poucos temos hackeado, tuneado e introducido elementos de novas tecnoloxías para darlle usos até agora non imaxinados. Creo que en parte esta utilización de formatos analóxicos é unha relectura e reescritura da historia, dos traballos precarizados e invisibilizados realizados por mulleres ao longo de todo o mundo. Tamén creo que reflicte a nosa práctica artística e o noso traballo. No meu caso, como proyeccionista traballo a miúdo con películas de 35 e 16mm e tamén rodo en formatos analóxicos, e Pilar como membro do Laboratorio Reversible de Barcelona, ten acceso a maquinarias e aparellos utilizados en procesos analóxicos (moviolas, proxectores, cámaras de cinema, etc) e realiza proxectos en 16mm.

– Que significa para ti traballar nunha institución de referencia internacional na creación da vangarda cinematográfica como é o LIFT Toronto?

Todas as persoas coas que contactei para traballar no proxecto, ou coas que dalgunha forma me relacionei e o fixeron crecer, saíron de contactos que os distintos traballadores de LIFT me proporcionaron, así que este foi o centro neurálxico de PMC.

– Que destacarías da comunidade de cinema de Toronto e como che sentes traballando nela?

A verdade é que non estiven moi en contacto coa comunidade de creadores audiovisuais da cidade. Como nesta primeira fase do proxecto demos prioridade á construción do noso primeiro prototipo, relacioneime moito máis con creadores que traballan con electrónica e programación. Aprendín unha chea sobre electricidade, Arduinos, voltios, luces led e motores. Tamén coñecín a unha moza que leva 6 anos traballando nunha máquina que combina un proxector de super 8mm, cun tocadiscos.

O desenvolvemento do prototipo xestouse entre LIFT e InterAccess, un centro de produción de medios electrónicos que está na mesma rúa que LIFT, a 10 minutos andando e onde puidemos utilizar a fresadora para cortar varias pezas da máquina, así como utilizar infinidade de ferramentas e realizar consultas a outros membros do centro cando tiñamos dúbidas ou estabamos atascados nalgún tema.

– En que parte do proceso atópase o proxecto nestes momentos e cales serán os seguintes pasos a seguir?

PMC conta xa co primeiro prototipo do que denominamos a SEE-W-ING machine. Esperamos que grazas a futuras residencias e bolsas podamos seguir desenvolvendo a máquina, e traballando con mulleres de distintas nacionalidades e contextos culturais para desenvolver espazos de colaboración e creación artística.

– Con que se vai a atopar o público que se achegue á estrea de PMC na próxima edición de (S8) X Mostra Internacional de Cinema Periférico?

Cunha performance na que a nosa máquina nos dará pé a falar sobre como o traballo das mulleres foi historicamente infravalorado, invisibilizado e borrado. Proxectaremos, coseremos e leremos xuntas para combater a tecnofobia e os relatos hexemónicos impostos sobre o feminino.