LEC-México, Azucena Losana e Stefano Canapa traen a film performance e a improvisación á nosa 10ª edición


A Mostra articulará na súa décima edición un foco arredor do colectivo mexicano LEC – Laboratorio Experimental de Cine,
espazo na Ciudade de México dedicado á difusión, creación e formación cinematográfica desde un enfoque multidisciplinar, híbrido e aberto á experimentación con formatos tradicionais. Este foco reúne unha selección de obras dos seus cineastas e dúas performances da man de Elena Pardo, Morris Manuel Trujillo e Azucena Losana, á que tamén se lle dedicará un programa especial sobre a súa filmografía en super 8 e 16mm.

O programa deseñado polos artistas e fundadores do LEC, Elena Pardo e Morris Manuel Trujillo, dividirase en dúas partes. Unha primeira que reúne un grupo de pezas de algúns cineastas que dan vida ao colectivo, como é o caso de Bruno Varela, Annalisa Quagliata e Manuela de Laborde; e unha segunda, cos resultados dunha residencia artística na que participaron cineastas como a propia Pardo ou Jael Jacobo e que tivo lugar nos lendarios estudios Churubusco, lugar onde se rodaron desde as máis grandes películas da era dourada do cine mexicano ata El ángel exterminador de Buñuel, as películas de Cantinflas e as primeiras películas de directores como Cuarón ou Arau.

Outro dos pratos fortes deste foco son as dúas performances que poderemos ver o vernes 7 de xuño na Fundación Luis Seoane, que evoca o espírito dun dos proxectos que precederon ao LEC: Trinchera Ensamble, mítico colectivo de improvisación audiovisual mexicano. Unha ocasión que volve reunir a Pardo e Trujillo con Azucena Losana, artista mexicana radicada en Bos Aires, nunha performance con multiproxección en 16mm sonorizada en vivo. Finalmente, este apartado péchase cunha sesión monográfica dedicada á obra da propia Losana, na que poderemos realizar un amplo percorrido pola súa filmografía en super 8 e 16mm, ademais de parte das súas performances en super 8, nun traballo que bebe tanto do metraxe encontrado e o amor polo celuloide en todas as súas formas, como da mirada empática e atenta, dividida entre o formal e o antropolóxico, que a cineasta posa sobre as persoas e lugares que a circundan.

O artista italiano Stefano Canapa incorpórase tamén á décima edición do (S8) dentro do programa de “Vellos e novos amigos” coa estrea no noso país da súa última película, The Sound Drifts, e coa film performance Wavelength, que terá lugar o xoves 6 de xuño na Fundación Luis Seoane. Nela colabora co músico Antoine Birot e combina a imaxe de catro proxectores de 16mm cos raios de tubos catódicos (os que se usaban nas antigas televisións). Cun dispositivo construído polo mesmo, un xerador de baixas frecuencias, Canapa manipulará en vivo as imaxes e os sons que veremos con impactantes resultados.

Dentro da celebración e balance dos dez anos do (S8), o festival presenta tamén un programa especial baixo o título “Vellos e novos amigos”, no que se combinan as pezas máis recentes -en moitos casos, estreas no noso país- dos cineastas que pasaron por anteriores edicións do (S8), xunto con traballos de creadoras e creadores afins ao universo da Mostra e cos que se expón unha complicidade vindeira. Un programa que mira ao pasado pero tamén ao futuro, e que reúne obras de Saul  Levine, Valentina Alvarado,  Janie Geiser, Robert Todd, Bruno Delgado Ramo, Naomi  Uman, Jeannette Muñoz, Stephen Broomer, Jodie Mack, Malena Szlam, Dan Browne, Jacques  Perconte e Stefano  Canapa.

 

Titoras INPUT 2019


INPUT é un espazo de titorización de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xorde da colaboración entre a Fundación Luis Seoane e o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, mediante o que 3 autoras terán acceso a 3 profesionais de prestixio internacional do ámbito do cinema e da arte, con quen poderán discutir acerca dos seus proxectos, dende o estado de escritura e desenvolvemento até o de distribución.

Ate o 5 de maio estará aberto o prazo de envío de proxectos, que será totalmente gratuíto.

Aquí tes toda a información acerca da convocatoria: http://www.s8cinema.com/portal/gl/2019/04/abierta-la-convocatoria-de-input-2019/

Biografía das titoras

Pamela Biénzobas

Consultora, crítica e xornalista de cinema chileno-francesa. Ademais de dúas décadas escribindo de cinema, colaborando con revistas e libros de distintos países, ten traballado avaliando e asesorando proxectos, así como propoñendo candidatos para fondos e programas internacionais como Abycine Lanza, Torino Film Lab, Rawi (Xordania) ou Bellagio Center (Rockefeller Foundation), entre outros. Tamén traballa con festivais como Róterdam, Xixón ou Berlinale Forum.

María Morata

Comisaria e investigadora. Ten realizado proyectos artísticos e programas audiovisuais para distintos museos, festivais e institucións artísticas (Arsenal-Institut for Film and Videoart Berlin, CCCB, MACBA e Centre Arts Santa Mònica Barcelona, Sterischer Herbst Graz, Impakt Festival Utrecht, Intermediae Matadero e La Casa Encendida, entre outros). Membro do comité de selección Berlinale Shorts do Festival Internacional de Berlín, Dok Leipzig e Kasseler DokFest.

María Palacios

María Palacios Cruz é responsable da especialidade de comisariado na Elias Querejeta Zine Eskola (San Sebastián), directora adxunta de LUX (Londres) e co-fundadora de The Visible Press. Ademais é programadora para Punto de Vista (Pamplona) e el Festival Courtisane en Bélxica. Acaba de editar a antología dos escritos de Lis Rhodes titulada Telling Invents Told (2019).

Aberta a convocatoria do II Seminario Crítica e Programación Online

 


O cinema experimental apostou sempre polo cinema no seu formato orixinal, sendo o feito cinematográfico da proxección en formato filme un dos eixos centrais. Porén, o experimental non está enfrontado coa evolución tecnolóxica. O II Seminario de Crítica quere facer fincapé este ano no mundo online como un espazo onde o cinema experimental debe seguir a súa expansión en busca de novos públicos: ben desde a crítica cinematográfica, ben desde a programación de filmes.

A Cuarta Parede volve ao (S8) Mostra de Cinema Periférico para seguir teorizando arredor do cinema experimental. Con motivo do décimo aniversario da Mostra, o II Seminario de Crítica esténdese alén das datas do propio festival cunha ambiciosa proposta.

O seminario, organizado por A Cuarta Parede e (S8) Mostra de Cinema Periférico, co apoio de Acción Cultural Española (AC/E), contará con sesións teóricas, mesas redondas e proxeccións de filmes.

Os alumnos terán a posibilidade de publicar textos, escritos e audiovisuais, en A Cuarta Parede e contarán co apoio desta na edición dos seus textos.

Docentes

Stefano Miraglia é un curador independente e artista visual residente en Francia e Italia. É o fundador de MOVIMCAT – The Moving Image Catalog, un proxecto online sobre a cultura da imaxe en movemento. Ademais de MOVIMCAT, as súas actividades curadoras inclúen proxeccións e exposicións para Le Dôme Festival (Francia) e Nomadica (Italia). Os seus filmes son distribuídos Collectif Jeune Cinéma e foron exhibidos en numerosos festivais e lugares de cinema internacionais.

Brais Romero Suárez, director da revista A Cuarta Parede, programador do Festival Internacional de Cine Curtocircuíto, e investigador audiovisual, traballa no campo do video ensaio, a lingua galega e a identidade. Na actualidade, está a rematar a súa tese de doutorado sobre o rol do galego no cinema de ficción galego.

Prazos e matrícula

A matrícula para o seminario será de balde. O número de alumnos estará limitado 15, tendo prioridade aqueles que realicen antes a matrícula.

Para realizala, os alumnos deberán escribir un correo electrónico a [email protected], sinalando no asunto do correo “Seminario S8” e incluíndo no correo o nome completo e o DNI. O prazo de matrícula estará aberto ata as 00:00h del 30 de maio.

Horario

29 de maio
21:00 (Cineclube de Compostela)
Proxección curada por Stefano Miraglia

Con motivo do seminario, e a modo de comezo deste, o Cineclube de Compostela acollerá a proxección dunha serie de filmes curados Stefano Miraglia:

Palms (Mary Helena Clark, 2015)
La Señal Cosmica (Leandro Varela, 2018)
Hammam (Nick Collins, 2018)
Midnight Orange (Gautam Valluri, 2018)
Shape of a Surface (Nazlı Dinçel, 2017)
Le bruissement de la parole (Clio Simon, 2013)
Oasis of Mirrors (Zahid Jiwa, 2013)
Il mondo di sotto (Chiara Caterina & Nicola Di Croce, 2017)

1 de xuño

10:30 – 12:00 h (Sala de Prensa Afundación)
Impartida por Stefano Miraglia (sesión impartida en inglés)

 

Que hai detrás do acto de curar un catálogo en liña para a comunidade global de imaxes en movemento? Para responder a esta pregunta, abordaranse os temas da cinefilia, a difusión e a recepción, a arte e o pensamento crítico, a través dos lentes de dous estudos de caso, lecturas seleccionadas e experiencia persoal. Un dos estudos de caso será o programa de televisión italiano nocturno Fuori Orario e parte da idea (e ideais) que se difundiu durante o últimos trinta anos de programación experimental. Fomentarase o pensamento crítico colectivo sobre o cinema experimental, especificamente sobre os seus aspectos prácticos e sociais. Neste sentido, cara ao final da sesión, preguntarémonos: que podemos aprender do mundo da arte contemporáneo (que está, aínda, moi lonxe, e tan preto!). A sesión finalizará cun exercicio crítico específico para o campo de imaxe en movemento.

 

12:30 – 14:00 h (Sala de Prensa Afundación)
Impartida por Brais Romero

 

Fundada en, 2011, A Cuarta Parede é a primeira revista de crítica cinematográfica en galego. Creada en paralelo ao nacemento do Novo Cinema Galego, a revista deu cabida a todas as expresións do cinema, desde as máis experimentais ata as máis comerciais, tendo sempre especial interese por dar conta do cinema galego. Nesta sesión, veremos a evolución da revista nos últimos anos, así como os aspectos que van máis desde a propia organización do equipo, a algúns dos problemas que xorden ao exercer de forma online e desde Galicia a crítica cinematográfica.

 

16:30 h – 17:30 h (Sala de Prensa Afundación)
Proxecta constrúe: Fondo e forma. Xeitos e retos na programación dos festivais de cinema.

En colaboración con Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña organiza un encontro xunto aos responsables de diferentes festivais de cinema en Galicia, onde debater sobre os xeitos de programar, as estratexias, obxectivos, e as dificultades e retos aos que se enfrontan actualmente os equipos de programación dos festivas.

Proxecta é unha asociación sen ánimo de lucro que aposta pola defensa e posta en valor dos festivais, mostras de cinema e eventos audiovisuais de Galicia, así como pola promoción dos contidos e valores artísticos e culturais que estes impulsan.

 

18:00 h – 19:00 h (Sala de Prensa Afundación)
Impartida por Stefano Miraglia (sesión impartida en inglés)

Sesión práctica

Nesta sesión, o alumnado terá a ocasión de, empregando os materiais colgados na web de Moving Image Catalog (Movimcat.eu), enfrontarse á programación de hipotéticos ciclos de cinema. Desde a procura dunha idea central, á recompilación de bibliografía para apoiar os visionados, ata a planificación temporal dos contidos e a súa difusión na web, esta sesión está dedicada á parte máis práctica da programación (dificultades, problemas, consellos) nunha contorna experimental e online.

As cineastas Madi Piller e Naomi Uman súmanse á celebración do décimo aniversario do (S8)

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico celebrará entre os próximos 31 de maio e 9 de xuño a súa décima edición despois de consolidarse ao longo destes anos como cita ineludible para a comunidade do cinema experimental, cinéfilos e simpatizantes da vangarda. Con motivo deste décimo aniversario, o festival continúa engadindo nomes á súa programación: á xa anunciada Jeannette Muñoz súmaselle nesta ocasión a artista visual Naomi Uman. Ambas formarán parte de “Vellos e novos amigos”, un programa que traerá á Mostra a cineastas convidados en pasadas edicións e o traballo de “novas amizades” relacionadas co universo (S8). A cineasta, animadora e programadora Madi Piller tamén se incorpora a esta edición do festival como docente do taller “FILM: Formas e revelacións” e como protagonista dun foco que reúne por primeira vez en España o máis destacado da súa filmografía.

Madi Piller visitará o festival por primeira vez. Esta cineasta peruana afincada en Canadá que traballa arredor da animación, a experimentación con soportes analóxicos e a memoria, sostendo que todo proceso cinematográfico se prolonga ata a proxección. Esta  amazona do underground contemporáneo protagonizará un foco en torno á súa obra que repasará por primeira vez en España o máis destacado da súa ampla filmografía, realizada en múltiples formatos cinematográficos como o super 8, o 16 mm e o 35 mm. Ademais, tamén acudirá ao (S8) en calidade de educadora: impartirá o taller “FILM: Formas e revelacións”, no que se utilizarán materiais  fílmicos usados, atopados ou caducados, químicos e orgánicos, se pintará, se cortará e se rasgará para traballar sobre técnicas de intervención da imaxe e o son durante a proxección. Deste xeito, a cineasta defenderá a súa idea de que o proceso de creación cinematográfica dura ata ata o mesmo momento da proxección, formando todo parte dunha experiencia completa.

Tendo formado parte do (S8) no 2012, Naomi Uman volverá de novo á Coruña para mostrarnos un work in progress do seu próximo traballo, León en León. Aínda que comezou estudando cociña e dedicándose a este oficio durante moitos anos, a artista decidiu cambiar de vida e facer cousas que lle parecesen fermosas e que durasen máis que unha comida: películas. Sempre interesada no que se pode facer coas mans dun mesmo, Uman utiliza o cinema como un vehículo para explorar o íntimo, o artesanal e, frecuentemente, ás mulleres e o seu papel na sociedade.

As dúas cineastas visitarán Madrid durante o próximo mes de xuño para levar a cabo diversas actividades por mor da colaboración establecida entre o (S8) e Cineteca. O (S8) expándese deste xeito cara a outros espazos e cidades para compartir, neste décimo aniversario, a maxia do cinema tanxible á beira de proxectos e institucións que creceron ao longo destes dez anos xunto ao festival.

A cineasta Jeannette Muñoz e unha homenaxe a Jonas Mekas, primeiros contidos da décima edición do (S8)

Con motivo do seu décimo aniversario, a Mostra artellará un programa especial que, baixo o nome “Vellos e novos amigos”, achegará ata a cidade a obra de cineastas convidados en pasadas edicións xunto a pezas de creadores afíns á liña de programación do festival, entre os que se atopa a chilena Jeannette Muñoz, unha das creadoras experimentais e de vangarda máis destacadas do noso tempo.

A cineasta impartirá tamén o obradoiro “Todo depende do cristal co que se mire” destinado a nenas, nenos e xóvenes con diversidade funcional. A través desta actividade, coorganizada xunto a NORMAL – Espacio de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, o festival revalida a súa aposta pola utilización do cinema como ferramenta e motor da inclusión social. Nela, os asistentes participarán no proceso de creación de fragmentos cinematográficos colectivos partindo da aportación e a suma de ideas individuais, tendo así a posibilidade de descubrir novos xeitos de ollar o mundo. Ademais das sesións de traballo, o taller rematará cunha presentación pública na que os participantes lles amosarán aos asistentes as pezas realizadas durante a actividade e na que se establecerá un diálogo entre os creadores, o público e a propia Jeannette Muñoz.

‘Invisible acts’: Jonas Mekas, padriño dunha xeración

O (S8) quere lembrar na súa décima edición a figura do recentemente falecido Jonas Mekas a través de ‘Invisible acts’, un programa especial comisariado polos programadores Andrea Franco e Javier Trigales.  A selección de filmes que o compoñen celebran a figura de Mekas como padriño dunha xeración de cineastas de vangarda que defendeu e apoiou dende as páxinas de Film Culture, The Village Voice e nas sesións de Filmmakers’ Cinematheque e o Anthology Film Archives. A homenaxe estará composta por unha selección de aqueles creadores e artistas que o lituano considerou imprescindibles por atopar poesía no seu cinema e porque reflictiron as preocupacións da muller e o home da época, algo esencial para Mekas á hora de que un filme cobrase sentido real. No programa poderán atoparse pezas de cineastas como Marie Menken, Hollis Frampton, Jack Smith ou Larry Jordan, entre outros.